miércoles, 8 de febrero de 2012

Capítulo noveno:A hora de Deus

                            CAPÍTULO NOVENO: A HORA DE DEUS

1.- Proxecto do ceo.Probas   .                        8.- Realidade da sentencia
2.- Primeira proba:Fenómenos no ceo           9.- Embaixador deica o fin
3.- Segunda proba:Terremotos de medo      10.- Peripecias dos misioneiros
4.- Terceira proba:Auri sacra fames           11.- Obediencia antes ca martirio
5.- O ceo cerrou os camiños                         12.- A persecución atinxíu a todos
6.- Rebenta a tormenta                                        os franciscanos
7.- Abundancia de mes                                 13.- Gracias, meu Deus

1.- Proxecto do ceo.Probas
O odio dos bonzos, as intrigas de Faranda e Funguen, a indiferencia da maioría de xentís, sumado todo á labor de enrarecemento do ambiente, producido por a acción hipócrita de algúns portugueses, incluídos varios xesuitas, causaron o grave dano da persecución que chegou como froito de acusaciós calumniosas.
          Ninguén pode dicir, nen xiquera pensar, que os intentos de botar fóra do Xapón ós franciscanos estuveron inspirados no máis mínimo desexo da súa morte. Entre os portugueses tuveron sempre  os franciscanos bós admiradores, amigos e protectores, tanto en Nagasaki como en Kioto. Ninguén podería dicir si aquela oposición á presencia de franciscanos españois foi froito dun temor dos portugueses a perder o comercio de Macao, ou dun nacionalismo exacerbado propio dun país pequeno como Portugal. Naqueles momentos existían moitos portugueses partidarios do prior de Crato e, por o mesmo, inimigos de Felipe II de España, que mandaba tamén en Portugal.
En vista de que nin os bonzos, nin os portugueses, nin os xesuitas, có bispo como xefe, eran quén de lograr os seus propósitos, veu a divina providencia a favorecer todo aquel conxunto de vontades empurradas por o mesmo averno. Non estuvera deica este momento a mau de Deus impulsando aquelas acciós, senón que fóra o inferno quen estuvera detrás de todas elas. Soamente faltaba que Deus puxera en movimento ós seus modos todopoderosos. E ben notorio que os modos de Deus son moitas veces insondables e incomprensibles prá intelixencia humana.
Si a guerra movida por os homes non lograra a expulsión dos relixiosos españois, obedeceu a que non era este o fin desexado por o ceo. O mellor modo non era botar fóra ós misioneiros, senón perpetualos no Xapón e darlle perpetuidade á súa obra. A guerra dos homes terminara en fracaso, e chegou a hora de Deus. Imos ver o que pode Deus e cal era o seu fin e cales os seus modos.
Non se pode perder de vista a oración e o anhelo de aqueles abnegados misioneiros. San Francisco Blanco viñera pidíndolle a Deus que lle outorgara as tres gracias que máis devecía na súa vida: ser sacerdote, misioneiro e mártir. Xa tiña acadadas as duas primeiras e faltáballe a consecución da terceira pra chegar así por atallo ó ceo, pra ver a Deus, á Virxe María e ós santos que tanto degorara ver de neno, cando contemplaba o vóo dos paxariños no seu Tameirón natal. Francisco Blanco tiña auténtica vocación de mártir, robustecida día a día con oraciós  dende os días de pastorciño do rabaño paterno e de estudiante adolescente en Monterrei, de frade xove en Vilalpando, Salamanca e Pontevedra, e agora no Xapón, de xeonllos diante do sagrario  na igrexa de Nosa Señora dos Anxos de Kioto.
No Xapón existiran deica este momento algúns -poucos- confesores; mais non existiran mártires, e nos proxectos de Deus  sempre a relixión fructicou e floreceu có sangue de mártires. No Xapón compría sangue de mártires pra que a semente evanxélica pudera florecer e dar froitos copiosos. Este é o modo paradóxico ós ollos humanos de actuar Deus pra facer xestas gloriosas. Desde o día do Gólgota os progresos do evanxelio estuveron precedidos, acompañados e seguidos, por o rego de sangue de martirio. No Xapón contaba agora o ceo con servidores tan fieles e valerosos como San Francisco Blanco, que lle rogaba a Deus de cotío a gracia de verter o seu sangue a fin de que a seitura evanxélica pudera ser abondosa. O sagrario da igrexa de Kioto pudo ser sin dúbida testemuña das moitas horas alí pasadas en comunicación directa có Señor. De xeonllos nos currunchos do templo, en comunicación có ceo, recibía forzas sobrenaturais, como o mítico Anteo as recibía do contacto coa terra. Alí recibía o divino robustecemento e a fortaleza dos heroes, tan necesaria para non desfalecer na loita cotiá nos lazaretos. Facía falta moita fe pra continuar o traballo con ilusión.
Moitas veces había San Francisco Blanco lido as pasaxes da vida do seráfico San Francisco, onde se contan as súas predilecciós por a comunicación cós leprosos, deténdose na consideración do capítulo das Floriñas de San Francisco, no que se narra como na medida co santo iba lavando as feridas dun leproso apestante e renegado, iba o corpo do infeliz quedando libre da lepra e a súa alma arrepentida iba quedando libre da súa maldade. O santo xove do Tameirón rezaríalle ó seu seráfico pai que lle concedera a gracia de ser un perfecto imitador seu.
¿De cántos xestos de heroismo, de humildade, de sacrificios e ata de milagres auténticos daquel pequeno e abnegado grupo de franciscanos serían testemuñas os recantos e as salas dos lazaretos de Kioto, e de cantas promesas de fidelidade á súa vocación sería testemuña o sagrario do templo onde San Francisco Blanco daría soltura ós seus máis santos sentimentos mesturados con bágoas de lecer mantido por a comuñón eucarística, pan celestial,  manxar dos anxos de Deus?.
Imos ver cómo Deus se uníu agora ó coro dos inimigos dos franciscanos con unha serie de probas que mandou ó Xapón. O ano 1596 foi un verdadeiro annus horribilis pró cristianismo xaponés, e foi Deus quen permitíu que así fora. As probas foron das capaces de causar arrepío na alma dos humanos máis valerosos.

2.- Primeira proba:Fenómenos no ceo
Voltemos ó camiño encetado pra vermos como intervíu a mau omnipotente de Deus, a única panca capaz de mover eficazmente o corazón humano. Non quere Deus as acciós malas, pero permite que os homes as poñan en práctica pra lograr por medio delas acadar os fins buscados por él. Non foi autor noutro tempo dos males aturados por o santo Xob, pero permitíulle ó demo todo xénero de tropelías en contra del.
Almas santas estaban cramando a Deus por unha persecución no Xapón e por sangue de mártires capaz de acrisolar os defectos que puderan existir; e pra que así tuvera fecundidade un cristianismo adormecido e anquilosado por a persecución. O medo ás iras de Taicosama seguía tendo paralizada a vida cristiana, como o testemuñou o Pai Ribadeneira coa narración dos temores nalgúns  que acudían con medo á igrexa franciscana  de Kioto. Un dos que pensaban na conveniencia dunha persecución era Frai Francisco da Parrilla, como narrou o Pai Ribadeneira ( 1 ).
Este mesmo escritor lembra o anhelo do xesuita Pai Sebastián González,
"que degoraba moito que houbese mártires e vivia sempre con este santo anhelo como quen o desexaba ser;  por eso, cando veu cumplido o seu desexo, daba moitas gracias a Deus e incitaba con fervorosas verbas a todos a que venerasen ós benaventurados mártires, e procuraba ir moitas veces visitar os seus corpos" ( 2 ).    
Deus non buscaba a expulsión dos franciscanos, porque ese era un mal nos seus proxectos, senón que prefería a persecución; e como pra eso era necesario mover a vontade do emperador en contra dos criastiáns, dispúxoo todo pra que así ocurrira.
Narra Ávila Xirón a primeira proba mandada por o ceo:
"No ano de noventa e seis sucederon neste reino cousas admirables e dignas de seren notadas... No 22 [xullo] apareceu un cometa con cola que miraba cara Miaco... No 26 de agosto, a mediodia,  viuse chover na cidade de Miaco sangue... e asemade, despois dela, choveu area en gran cantidade" ( 3 ).
Tamén os escritores franciscanos falan daquela serie de  fenómenos. Frai Xoán Pobre de Zamora alude á choiva de terra de cor do sangue, mesturada con area e cinsa e vermes. Frai Xeromo de Xesús fala de choiva de terra, cinsa, cabelos e vermes nas cidades de Kioto,  Osaka, Sakai e Fushimi, o día da Magdalena, e engade:
"En Miaco choveu terra como cinsa, como eu vin, e en Osaka, terra vermella, e noutro lugar, cabelos, e noutras partes, vermes, como me certificaron moitas testemuñas de vista" ( 4 ).
Todos aqueles fenómenos puderon seren efecto dun volcán, como dixo o xesuita Pedro Morexón; pero, atribuídos daquela a  causas misteriosas, deron pé pra que os inimigos dos franciscanos, especialmente os bonzos, Xacuino entre eles, se valeran de inventadas revelaciós pra dárenlle a estos fenómenos interpretación de sinais do ceo que avisaban de males causados por a presencia dos franciscanos de Luzón,  con ameazas de que non cesarían namentres eles estuveran no Xapón.
Non se pode negar que todas estas intrigas puderon ter unha grande influencia no ánimo superticioso de Taicosama, aínda que nada se lle notou nestes primeiros momentos.

3.- Segunda proba:Terremotos de medo
Os fenómenos do ceo narrados antes puderon ser por sí suficientes pra asustar a persoas crédulas e supersticiosas -Taicosama era unha delas-; non embargante, parece que non moveron o seu ánimo a tomar ningunha decisión.
A segunda proba, máis tremenda, foi o terremoto que sucedeu o día 4 de setembro, e que lle afectou moi seriamente ó emperador e a todo o seu contorno, ata o punto que morreron máis de cen persoas no pazo imperial, e foi o propio emperador e o seu fillo considerados mortos baixo as ruinas do edificio, anque saíron case milagrosamente ilesos.
Do terremoto escribíu Ávila Xirón:
"O día 4 de setembro comenzou un tremor moi recio que durou algunhas horas, logo amansando e arreciando. E durou algúns dias, de modo que pouco ou moito non cesaba de tremar todos os dias e noites. Foi tremor xeral en todo o Xapón, anque nunhas partes mais recio e danoso ca noutras... En Miaco e naquelas partes do Kami foi o terremoto tan recio, que caeron a maior parte das casas e fortalezas. Caeu o pazo de Taicosama que había pouco que o acabara e que era cousa pra ver... Caeu o ídolo Daibutsu, que era de increible grandeza, e caeron moitos templos de gran riqueza e moi suntuosos, particularmente en Miaco, Osaka, Fushimi,  Sakai, Nara e noutras cidades famosas. O estrago foi increible, porque non quedou cousa con cousa...  E como as ditas cidades, particularmente Miaco,  son tan grandes e as casas están tan xuntas, foi o dano meirande sin comparación... Neste suceso viuse unha non pequena marabilla e foi que, caendo tantos pazos, templos e casas fortes, quedase de pe a igrexa de San Francisco, o dormitorio dos relixiosos e hospitais de pobres,sin recibir dano notable"  ( 5 ).
O que di dos hospitais e dormitorio dos frades cabe clarificalo có que informou o mesmo San Pedro Bautista ó Pai Francisco Montilla, de Manila, en carta desde Osaka do 11 de outubro de 1596:
"a media noite, as doce e media veu un tremor arrepiante da terra... e por pouco colleu debaixo ó rei. Dise que morreron cen persoas da súa casa. Derrubou outras moitas casas e morreu moita xente en Meaco e noutras cidades. Moitos ídolos caeron na terra e casas de bonzos.  A nosa quedou en pe, gloria a Deus, anque a "camorreou" ben. A metade  dun dos nosos hospitais caeu. Acudimos logo e tamén os veciños cristiáns e sacamos a uns pobres vivos, a outros medio mortos e oito ou dez totalmente mortos. Entre os mortos soamente dous eran xentís. Todos os mais dos cristianos ou todos confesáranse dous ou tres dias antes. Fará un  mes que sucedeu o tremor e cada día deica hoxe nunca faltaron tremores, anque non coma o primeiro.   Púxonos tanto arrepio o primeiro, que durmimos algunhas noites na horta, temendo que caese a casa encima de nosoutros" ( 6 ).
No medio daquela aflicción colectiva podemos imaxinar ós franciscanos -un dos primeiros San Francisco Blanco- totalmente afanados no coidado e atenciós de aqueles pobres leprosos profundamente afectados por a furia do terremoto e por a presencia traumatizante dos mortos.
Naquel terremoto quixo ver o Pai Xeromo de Xesús a mau de Deus. Aludindo ó conciliábulo celebrado en Nagasaki o mesmo día do terremoto por o bispo con algúns xesuitas, no que acordaron expulsar do Xapón ós franciscanos, escribe:
"Neste punto e dia, que foi o 4 de setembro de 1596 en que se consumou a determinación de botar a Orde de San Francisco do Xapón, logo o noso Señor, amosándose irritado e doido de que contra os seus pobres se levantase tal terremoto en todo o reino do Xapón, que foi tal en Meaco e nos  seus arredores, que  caeron  gran  número  de  casas  e  matou  grandísimo  número  de xentes" ( 7 ). 
Os bonzos máis inimigos dos franciscanos aproveitaron unha vez máis aquela circunstancia que consideraron moi favorable pra predicar que no terremoto estaba manifestándose a ira dos deuses causada por a presencia dos frades de Luzón nas terras xaponesas, e acompañaban as súas predicaciós con supostas revelaciós acerca de terroríficas predicciós de que non cesarían os males namentres que os franciscanos pemaneceran no Xapón. Foi agora cando Xacuino manexou todos os recursos da súa maldade, pensando que o ánimo de Taicosama sería receptivo ás  inxecciós de veleno froito do odio reconcentrado que gardaba na alma. Non embargante, nada foi capaz de mover a vontade de Taicosama, sin querer dicir que non se sentira afectado na súa crencia supersticiosa. Aínda continuaba coa súa fe depositada nos franciscanos.  O mesmo santo comisario franciscano estaba naqueles momentos enteiramente confiado na amizade coa que o emperador distinguía ós frades, como o manifestou en cartas escritas neses días, e consta de tantos testemuños que deixo anotados atrás.

4.- Terceira proba:"Auri sacra fames".
Era sobradamente notorio, e o inferno ben que o sabía, que pra ganarlles a vontade os xaponeses, comenzando por o mesmo emperador ,nada máis axeitado ca os dones e presentes; por eso, permitíu o ceo ofrecerlle a Taicosama un presente sumamente apetitoso e cautivador cal nunca tuvera na súa vida, nin no pensamento. Lémbrese que o demo, pra inclinar definitivamente a vontade de Cristo, ofreceulle as riquezas do mundo enteiro: Omnia tibi dabo...
¿Foi casualidade? ¿Foi providencia de Deus? Non cabe dúbida de que todo sucede baixo a providencia divina, sin a cal ningún paxariño cae na gaiola. Ningún cabelo cae da cabeza.
A terceira proba encetou deste xeito. Ó terremoto que atemorizara as xentes que moraban na terra acompañou, ou seguiulle,  un maremoto, que axitou con furia as augas do mar. Sigue narrando Ávila Xirón:
"Non foi o dano soamente na terra do Xapón, pois alcanzou este tempo e terremoto ó galeón "San Felipe" que partira este dito ano de Manila cara Nova España e correu tan grande tormenta que, desfeito e desarborado, sin velas nin temón, arribou a este reino e, chegado na paraxe da isla de Tosa que chaman Shikoku no 18 de outubro, sairon algúns fune a él e, a pesar do piloto maior Francisco de Olandia e tamén do xeral Don Matías de Landecho, tomaron porto na cidade que chaman Urado en cuia barra tocou a nao nun baixio de area que habia en tres brazas e media indo remolcándoa os fune dos xaponeses. Viñeron logo moitos mais e sacaron toda a roupa e artileria sin que nela quedara nada... E avisou o tono a Taicosama e os gobernadores do reino antes que os españois puderan facelo, porque adrede os detuvo Chosugami, señor de Tosa" ( 8 ).
É necesario prestarlle toda atención a este suceso porque del dependeron moitos dos transcendentais acontecementos posteriores, incluso a condena a morte dos franciscanos. Aquelo que comenzou sendo, como parece, un acto de solidaridade, rematou nun acto de piratería no que estuveron implicados todos os áulicos, con inclusión do mesmo emperador.
Saíra o galeón "San Felipe", de mil toneladas e coa rica  sobrecarga de máis de cinco mil vultos, que superaban en valor un millón de pesos. Iban nel 233 persoas, entre elas sete relixiosos:un dominico, catro agustinos e dous franciscanos. Na ruta ó porto mexicano de Acapulco foi acometido por unha serie de furiosos furacáns que o deixaron desarborado, e obligaron ó xeneral Don Matias de Landecho, seguindo consellos de Frai Xoán Pobre de Zamora, dirixilo ás próximas praias do Xapón. Os mariñeiros lograron acercalo ó porto de Urado, onde foron recibidos e axudados por o gobernador Chosungami e por máis de 200 fune, que remolcaron o galeón deica a praia, onde encallou e se abríu sin malicia, como parece, dos xaponeses. O Pai Ribadeneira viu na arribada do galeón ó Xapón a mau de Deus cando escribe:
"pode colexirse que o Señor ordenou a súa arribada ó Xapón despois de tres meses que saira de Filipinas" ( 9 ).
Da intervención de Frai Xoán Pobre de Zamora a pról de  que o barco fora levado ás praias do Xapón, escribe o Pai Ribadeneira que aquel bó relixioso animaba ós españois dicíndolles con toda a boa vontade:
"O rei estaba daquela moi aficionado ós frades e os grandes do reino os estimaban en moito e tratábanos ben por seren embaixadores de Manila e porque foran eles medio pra que houbese amizade entre os xaponeses e os españois das Filipinas, dándolles en todo boas esperanzas este bendito relixioso" ( 10).
            Segundo a narración do Pai Ribadeneira cabe afirmar que Chozungami,
"señor  do  porto  enviou  secretamente  e  con  traición  un  mensaxeiro ó rei" ( 11 ).
Despois deste envío e
"por agradar ó xeneral do navio, enviou un fillo seu bastardo co benaventurado Frai Felipe e o Irmau Frai Xoán Pobre e outros dous españois con presentes de moito valor pró rei e outros señores"  ( 12 ).
O xeneral Matías Landecho mandou a Antonio Malaver, Cristóbal de Mercado, Bartolomé Ranxel, e outros varios e ós franciscanos citados, con ricos presentes pra Taicosama e pra cadiún dos catro gobernadores de Kioto, coa orde de entregalo todo ó Pai Pedro Bautista. Por a súa parte, Chosungami encargoulles porse en comunicación có gobernador Masuda [Xibunoxo], a quen lle escribíu non se sabe si con boa ou con mala fe. Denantes da saída  dos españois pra vérense có Pai Pedro Bautista, xa Chosungami   enviara outro aviso a Masuda, non se sabe con qué informes, pra Taicosama. Non está fora de camiño, nin é aventurado pensar á  vista do que despois pasou, que Chosungami actuara xa desde o  primeiro momento con toda astucia e mala fe, e informara torcidamente da vida dos pasaxeiros do galeón "San Felipe" e do rico cargamento que levaba. San Pedro Bautista non foi quén pra facerse dono da tea de araña que estaban urdindo aqueles homes dirixidos non se sabe por quen. Eu sempre vexo en todo a mau de algún xesuita.
Saídos os españois de Urando o 24 de outubro, chegaron o 28 a Osaka, onde estaba á sazón o santo embaixador, que se apresurou a escribirlle ó dia seguinte, 29 de outubro, ó xeneral Don Matias de Landecho:
"Estes señores que acá viñeron... déronme noticia dos traballos nos que se viron e pasaron as vosas mercedes. O Señor sea bendito que, ainda que con moita perda temporal, salvoulles as vidas. Eu procurarei con toda brevedade negociar co rei o que a vosa mercé desexa, e que lles dea todo recaudo pra poder facer navio no que volvan as facendas a Luzón. A vosa mercé e os demais estean seguros de que non recibirán agravio dos xaponeses, porque o rei deume a min unha carta selada o primeiro ano que viñen coa embaixada, pra que todos os españois puderan vir con toda segurida ó seu reino sin que por mar nin por terra se lles fixese ningún agravio, e que si algún lles fixesen, dándolle a él noticia, lles quitaria a vida... Así que sin temor ningún poden estaren a vosa mercé e os demais, porque ninguén se atreverá facerlles ningún agravio" ( 13 ).
Na carta de 17 de novenbro informoulle o santo ó Pai Ribadeneira de todo o que ocurrira:
"Enviou o xeneral un presente pra Taicosama e outras graves persoas que vale, como se di, oito mil pesos.Veu dirixido e encomendado a min pra que o presentase e lles sacase unha chapa pra aderezar o navio...Estaba naquela sazón o señor daquel porto alí, que ainda os convidou dicindo que lles daría todo o necesario... O xeneral e os demais, como estaban temerosos de que os mataran, condescenderon con él no que lles pedia e ordenou que por medio do gobernador da parte superior de Meaco negociásemos, e así enviou algúns homes seus pra que os aposentasen en Fushimi na súa casa deste mismo tono que é señor de catro reinos...Cando chegaron a Osaka os nosos irmaus Frai Xoán Pobre e Frai  Felipe cos españois, estaba eu alí e víñenme con eles deica Fushimi. Aposentáronos na casa que teño dito e alí ordenamos o presente do rei e o dos catro ditos.  Deuse parte ó gobernador de Meaco que dixen, porque como viña ordenado así por o tono do porto, non me atrevín mudar o orde que  traian, porque este non se anoxase e o señor do porto tampouco e así se turbase o negocio...Démoslle un Memorial do que Taico deberia conceder. E regresados a pousada...enviou a decir que fixera mal o xeneral do navio en non vir a dar conta do seu navio...Finalmente,enviou Taico a este gobernador ó navio e, como nos contaron, dixo que Taicosama o enviaba pra que tomase toda aquela facenda "( 14 ).
Aquel asunto había tomado un cariz insospeitado, cando menos prós españois. Esta carta do santo embaixador descubre claramente que os poderosos áulicos estuveran dende o principio xugando malamente cós españois. O santo embaixador fixo todo canto estuvo na súa mau. Cando se decatou de que Xibunoxo fora enviado a secuestrar a facenda do galeón, mandou a Frai Xoán Pobre a Urando,  ó mesmo tempo que él pasou a Kioto pra tratar có seu amigo Guenifuin.
"parecéndolle que é mais seguro levalo pouco a pouco por Guenifuin que conocerá a conxuntura e o tempo en que se ha de pór diante a amizade".
Sigue narrando o santo embaixador:
"Sabido esto,  acudimos a Guenifuin con un traslado dunha chapa na que se contiña que os españois pudesen viren libremente ó Xapón sin que ninguén lles fixese ningún agravio so pena de morte. Guenifuin respondeu,  vista a chapa, que por qué non fumos logo a él,  que si tuveramos mostrado logo a chapa, non fora o gobernador ó navio...Estaba e está moi anoxado, porque non lle demos a él logo parte do negocio. Nosoutros estabamos moi alleos de que Taicosama faria tal vileza. O cabo dixo que a facenda non sería tomada ainda que costará algún traballo... Din que xa Guenifu mostrou a chapa ó rei e unha carta que eu lle enviei dicíndolle que lembrase a amizade que fixera, etc., e que mirase por a súa honra. Di que Taico non respondeu ren e entende que é bo sinal, pois que non deu mala resposta" ( 15 ).
O bó sinal de que fala o embaixador non existía. O único existente era a vileza do emperador, que mandara a Urado a Xibunoxo coa orde de que lles dera morte a todos os pasaxeiros do galeón si averiguaba que era verdade o que lle informaran de que eran piratas. Logo era verdade o das falsas informaciós que lle foron feitas ó emperador, e que él admitíu de bó grado, como parece.
Nesta altura dos acontecementos existía unha realidade moi grave por mór das informaciós que lle fixeran a Taicosama. ¿De onde proviñan aquelas informaciós tan falseadas e tan afastadas da verdade? Os datos suministrados por os españois evidencian que por medio anduveran con suma rapidez portugueses e varios xesuitas que trataron de mover omnem lapidem pra informar dolosamente ó emperador acerca dos pasaxeiros do galeón "San Felipe".  Doutra maneira, ¿cómo pudo Taicosama enviar ós poucos días de chegado o galeón un emisario có orde de que dera morte a uns supostos piratas? ¿De quen saíu esa acusación tan criminal contra os españois...? Dende agora quero deixar claro que aquelas informaciós procederon fundamentalmente de portugueses e xesuitas, como vamos ver.
Pra aclarar este intrincado punto histórico é necesario proceder por partes. O galeón recalou en Urando o día 20 de outubro de 1596. Os españois chegaron a verse con San Pedro Bautista en Osaka o 28 seguinte. A carta de San Pedro Bautista ó  xeneral Matías de Landecho é do 29. A saída de Xibunoxo pra Urando foi o día 1 de novembro. Na carta do 29 de outubro non estaba o santo embaixador enterado da urdimbre que xa estaba en marcha en contra, e prometeulle nela ó xeneral toda felicidade. Anque a carta do Pai Pedro Bautista ó Pai Ribadeneira ten a data do 17 de novembro, é evidente que foi escrita en varias datas anteriores, por conterse nela datos varios ocurridos antes do 17. Alude nela a que Taicosama estaba enterado de que o galeón traía dous ou tres millós en riqueza, e de que os pasaxeiros eran piratas que viñan sondar e reconocer os portos pra invadir o Xapón, como fixeran os españois en Nova España, Perú e Filipinas. Como a riqueza do galeón era maior co presente que se  lle ofrecía de 20.000 pesos, rexeitou Taicosama o presente.
Entre a chegada dos españois a Urando e a carta do 17 de novembro pasara case un mes. O  día 29 de outubro pasou o embaixador cós españois a Fushimi, onde estaba Taicosama e Masuda. A éste visitaron; él prometeulles entregar ó emperador no término de dous días o rico presente de 20.000 pesos, ó mesmo tempo que ofrecía boas impresiós con malicia raposeril, como parece por todos os detalles. Ese mesmo día 1 saíu Xibunoxo pra Urando có orde de secuestrar toda a riqueza do galeón e dar morte a todos os pasaxeiros si resultaba certo que eran espías e piratas.
Con toda rapidez iniciou San Pedro Bautista xestiós tendentes a lograr o arranxo do asunto do galeón. As informaciós, falsas todas elas, xa o tiñan henchido todo. Tarefa do santo embaixador foi tratar de desartellar todo o mal feito. Escribe falando do rei e dos gobernadores:
Foi necesario probar que era un navio de Luzón, que din que eles non sabían si era así ou era doutra parte, como portugués. Díxoselle a Fuin que, anque fora, que a amizade se fixera co noso rei que é señor de Macao, Goa e Portugal, etc. Fíxoselle moi de novo e dicia que ¿cómo non llo tiñan dito deica agora nin o tiñan conocido? Pidiu que lle désemos pintado todo aquelo de que era señor o noso rei e fíxose así. Espantouse Fuin e preguntoulle ó Pai Xoán Rodríguez si era así que o rei de España era señor de todo o dito. Respondeu que sí.
Dixo Fuin que ¿por qué non llo dixeran?.
Respondeu que non fora necesario” ( 16 ).
As declaraciós deste Pai Xoán Rodríguez están manifestando ben claramente que él era un dos culpables de todo o embrollo de falsas informaciós dadas a Taicosama a través dos seus ministros ou directamente. Veremos que estuvo naquelas falando có emperador. Non tuvo outra saída este xesuita máis ca manifestarlle abertamente a Guenofuin "que non fora necesario" dicir a verdade. Logo era certo que informara maliciosamente. Coas súas palabras increpatorias acusaba Guenifuin a acción culpable de este ou de outros xesuitas que non soamente ocultaron a verdade, senón que dixeron mentira a ciencia e conciencia de que mentían. Un dos grandes culpables dos males que sobreviñeron foi este Pai Xoán Rodríguez, que estuvo a raíz do arribo do galeón español falando con Taicosama, como él mesmo confesou, o 4 de febreiro de 1597 en Sononxi, en presencia do augustino Pai Guevara e dos españois Valdés, Cotelo, Ranxel e Zuazola, como o testemuñou este derradeiro na súa declaración en Manila o 15 de xuño de 1598 con  estas palabras:
"O Pai Xoán Rodríguez, da Compañía, que acertou estar naquel pobo [Sononxi] dixo que o tempo que a dita nao se perdeu no dito reino, estaba na cidade de Meaco e falou co dito emperador sobre certas cousas que lle iba a tratar e que, estandollas tratando, lle dixo:
- "Xoán Rodríguez, pideme de mercé esta nao dos nambaxies que si tú ma pides, eu lles darei o avio necesario pra que se vaian a sua terra. E tamén che darei unha capa de pano das que traen, porque me din que son boas pró frio, e tú ganarás gracias co teu rei escribindollo.
A esto respondeulle este testigo o dito Xoán Rodríguez que ¿por qué non fixera en tal ocasión a caridade de favorecelos?
A esto respondeu o dito Xoán Rodríguez que él e os Pais da Compañia non quixeron meterse nesto, porque o xeneral e os españois non enviaran o presente ós Pais da Compañía, nin feito caso deles" ( 17 ).
Acerca desto dixo o bispo:
"Mandando eu chamar ós frades e a Cristobo de Mercado dentro de Meaco pra decirlles que Combaco o dia antes que eu o visitei dixera ó Pai Xoán Rodríguez, intérprete e moi  privado seu: Pedídeme vosoutros esta nao, que eu mandarei aviala de todo e entregareilla ós españois con todo o que sea mester pró camiño, e que, conforme a esto, mirasen si  querian que eu pedise a nao e valerse de min naquel negocio... Dixéronme que o Pai comisario tiña posto o negocio  en bos términos e que non era necesario" ( 18 ).
Estas expresiós do xesuita Xoán Rodríguez e as semellantes do bispo, ten moito de farolada e pon de manifesto varias cousas; en primeiro lugar a nota de soberbia e prepotencia. A  promesa que se di que fixo Taicosama, si algo significa, é que Xoán Rodríguez falou con él acerca do galeón español, xa que doutro modo é inconcebible que Taicosama aludira ó tema. A promesa de darlle unha manta das que traían os españois é indicio de que a conversa có emperador foi posterior ó arribo do galeón (20 de xuño) e da chegada dos españois a Osaka (28 de xuño).
O único que se saca en claro da declaración indiscreta deste xesuita é que estuvo falando con Taicosama "sobre certas cousas" que non aclarou, e que pode darse por certo en atención ós detalles conocidos que esas "certas cousas" consistiron en  informar sobre o galeón con acusaciós contra os españois do galeón e contra os franciscanos.      
Pra fixar algo a data de todo aquelo, cabe dicir que o bispo chegou a Kioto o 16 de novembro. Con toda probabilidade a entrevista do Pai Xoán Rodríguez con Taicosama tuvo lugar nunha   data próxima posterior a ese día 16, có fin de preparar a embaixada do bispo.
En relación coa oferta do bispo de tomar por conta súa a fortuna do galeón, quero copiar palabras do xesuita Don Felipe Robles Dégano:
"Era a oferta do bispo a Frai Pedro un escarnio sanguento. Picados os xesuitas de que os españois quixeran, como era natural, negociar con Taico por medio do embaixador de España, lograran con falsas informaciós que Taico negase audiencia a Frai Pedro e rexeitase o rico presente que él levaba, e agora... proponlle que lles entregue a eles o presente pra negociar con Taico, pois, como dicia o bispo, era necesario "ir levando presente antes que nada". Frai Pedro, que conocia o menos confusamente estas trapalladas, non poderia aceptar sin condiciós tal ofrecemento, porque esto era igual ca renunciar voluntariamente ó título e dignidade de embaixador, o que non podia nin debia facer por honra de España, e tirar no cesto dos papeis a chapa de seguro, a única cousa que podia facer forza en Taicosama" (19 ).
Cómpre copiar palabras do santo embaixador na carta do 17 de novembro de 1596:                                                 
"O señor bispo chamounos a min e a este español Cristóbal  de Mercado e dixo que, si eu queria, él falaria a Xoán Rodríguez que tiña tanta entrada con Taicosama, e si él lle falaba,negociaria o da nao. Eu ando moi receloso, porque entendo que querian por aquí entablar co gobernador de Manila pra que envie o presente do rei enderezado a eles, e poderá ser que escriban que nós con chapa non fumos poderosos de negociar o que eles... Acerca do que dixo o bispo que él meteria a mau e Xoán Rodríguez, eu como estaba alí o español, respondín que sería boa obra. Dixo o bispo que mirase eu nelo e o avisásemos... Eu díxenlle [a Mercado] que a chapa que nós tiñamos era quen faria o negocio, que non os Pais, porque eles non falarian o rei sobre eso, como despois se supo, senón so a Fuin que o ten moi propicio con presentes... E porque si Taico tomaba a facenda non se entendese que se perdera por non dar parte ós Pais, e pra contentar ó español, fumos outra vez ó bispo onde estaban todos os Pais xesuitas... Tamén foi o español e levabamos xa da casa feita traza do que se debería facer, que agradou ó bispo e ós Pais. Soamente se engadiu que o Pai Xoán Rodríguez asemade con Frai Gonzalo tratasen con Guenifuin o negocio... A verdade é que, si non houbera chapa, como dixo Guenifuin, xa estaria collida toda a roupa ou dada orde de tomala... Guenifuin dixera que con aquela chapa él falaria a Taico, ainda que lle cortase a cabeza, pra que dese a facenda da nao. Eu avisarei despois do que suceda".       
           Imos ver antes de nada sobre quén recaen as acusaciós de ter informado tan malamente a Taicosama. Os españois do galeón tuveron noticias máis ou menos fidedignas de todo e manifestaron os nomes dos acusadores na información que fixo en Manila o Doctor Antonio Morga o 26 de xuño de 1597 a petición do Pai Garrovillas, que tratou de limpar a vida dos mártires de Nagasaki do bulleiro botado contra eles por os inimigos deseosos de vérense libres de toda responsabilidade. O xeneral Matías de Landecho e Ranxel falaron sin manifestar os nomes. Valdés falou de portugueses residentes na corte. O autor da crónica de todo aquelo falou de "algunhas persoas e tres portugueses". ¿Quén foron eses tres portugueses e quén esas "algunhas persoas"?. O secretario Zuazola aludíu a "dous teatinos e tres portugueses". Algo se vai desenleando a madeixa. Aludindo ós xesuitas, testemuñou Figueroa:
"parecéndolles que perdian a súa autoridade, porque entendirian os xentís que deles non se facía caso, determináronse a tramar unha tela que non podia esperarse de ningúns outros mais ca deles". 
Aparece seguro que o 31 de outubro de 1596 foron os Pais Organtino e Xoán Rodríguez, asemade con tres portugueses, a Fushimi, onde estaba o emperador, a quen informaron o que lles pareceu. Aclara o contido daquelas informaciós Figueroa dicindo que informaron de
"que nosoutros eramos ladrós, salteadores que andabamos roubando e conquistando reinos alleos; e que todos os anos pasabamos a vista do seu reino cargadas as naos de pans e tixolos de ouro e de pezas de felpa e de moita seda; que viñamos tomar lingua dos frades franciscanos si podiamos alzarnos con aquel reino, porque o rei de España era un tirano, usurpador de reinos extraños; que nos quitasen as facendas e nos botasen por aí e que ós relixiosos os mandase a Manila.
Respondeu a esto o Cuambacondono:
- ¿Seica non sodes vosoutros vasalos do rei de Luzón?
Responderon:
- Non, señor, senón do rei Don Antonio a quen o rei de España lle ten usurpado o reino de Portugal e acolleuno no seu reino a raiña de Inglaterra, de xeito que non lle queda mais co estado da India onde mandaba él que lle enviasen todos os anos aquel presente que lle traiamos en sinal de amizade, porque tiña en moito ser o seu amigo.
Irritado con esto o bárbaro, mandou que fosen a quitarnos as facendas e que, si fose verdade todo canto os teatinos dician, que nos matasen a todos".
Toda esta sarta de mentiras era capaz de afectar o ánimo mais ecuánime, e moito máis o de Taicosama, tan afectado naqueles días por os luctuosos acontecementos que rematara de vivir. Lémbrese o afectado que se sintíu Guenifuin, e as averiguaciós  que fixo cando se decatou do engano das informaciós dos xesuitas e tratou de acadar o esclarecemento da verdade pra poder escribirlle a Xibunoxo pra que non procedera ó embargo do galeón. Esta carta de Guenifuin chegou a maus de Xibunoxo a Urando o 17 de novembro, e foi daquela cando, como refire Frai Xoán Pobre, que estaba en Urando:
"mandou chamar ó xeneral [Landecho] que acudiu acompañado do alférez Cotelo e doutros dous ou tres e díxolle:
- Agora escribiume un dos gobernadores de Miaco unha carta na que me di que non vos fagamos mal, porque vosoutros non sodes os que alá nos dixeron.
Dixolle Cotelo:
- ¿E que cousa é o que dixeron?
Dixéronlle a Taicosama que vós erades ladrós e que viñades a inspeccionar e mirar os portos...
Preguntáronlle que quen o dixera e dixo que dous Pais da Compañia e tres portugueses ou dous portugueses e tres Pais".
Pra proceder con orde, cómpre recordar cómo o xeneral Matías de Landecho despachou a Don Antonio Malaver e Don Cristobo de Mercado pra que lle levaran ó emperador a Kioto un rico presente de 20.000 ducados, aperitivo do millón ou máis que había no galeón. Despois das xestiós feitas por o Pai Pedro Bautista, e como resultado dos informes que tiña Taicosama, foi enviado Xibunoxo a Urando o primeiro de novembre de 1596, levando canda él a Antonio Malaver, namentres que Cristobo de Mercado quedou hospedado na casa de Chosungami en Kioto. Chegaron a Urando o 11 de novembro.
Dende o comenzo foron tratados os españois con engano raposeril a fin de quedarse có rico botín do galeón, repartido entre gobernadores e emperador gustantemente enganado con falsos informes.
Resumindo o tratamento recibido por os españois, di Ávila Xirón que foron encerrados e logo obligados a
"saír espidos e palpados moi ben, porque ainda entre as pernas non sacasen algún ouro... despois propuxeron robalo e quedarse con él eles e o rei. Pra eso, ante todas cousas estorbaron que o rei fose visitado, pra que non lle informasen Mercado nin o comisario Frai Pedro Bautista que moito o procuraba" ( 20 ).
Dominado por a codicia do botín -auri sacra fames- non foi menos cruel o mesmo TaicoSama, que chegou ó extremo de ameazar ós españois con
"querelos matar a todos, póndolles gran medo, porque non escondesen o ouro que traían" ( 21 ).
A especie de que Taicosama pudera atentar contra a vida dos españois dende o primeiro momento -sin dúbida en forza das falsas informaciós-, estuvo moi difundida, e delo quedan suficientes testemuños.
Aludindo Frai Xoán Pobre ó comportamento de Xibunoxo entre os días 17 e 21 de novembro, di que mandou cargar a facenda do galeón en máis de cincuenta funeas grandes pra levala a Kioto, e que se continuaba cargando outras tantas namentres que Xibunoxo
"quixo aliviarse e entreterse connosco e mandou chamar algúns españois pra xugar con eles as tablas, que habia moitas, e que lle ensinasen xogo do xadrez".
Admira pensar naquela camaradería que trae á mente o xogo có lume ou o dos ratos có gato ou o dun neno con un tigre.
O tratamento dado ós españois foi do peor. Na relación escrita por un deles dinse moitas cousas. Imos ver algunhas:
"Estando a espera da resposta do que enviaramos pedirlle [a San Pedro Bautista], divulgouse cinco dias antes de que chegase o gobernador [Xibunoxo]... que Taicosama enviaba este gobernador a quitarnos a facenda. Estando, pois, así con esta mala nova, chegou Frai Xoán Pobre [9 de novembro] despachado por o Pai Frai Pedro Bautista e atopounos a todos metidos nun curral onde nos deu a nova afirmando o que oiramos... Pasáranos ó devandito curral o 4 de novembro con un grandísimo dioivo e facéndonos moi mal tratamento, repenándonos as barbas, dándonos puñados na boca e apalpándonos todo o corpo. Neste interin andaba a facenda da nao por prazas e rúas perdida que era lástima, da que facíamos pouco caudal porque viamos en moito risco as vidas coas novas que a cada paso nos daban de que querian cortarnos ou crucificarnos a todos e alzándonos por momentos os bastimentos, que non nos deixaban tomar nen unha  galo o 11 do dito chegou o gobernador. O 12 as 10 do día veu visitarnos e pasounos a todos por lista, examinada a roupa que había. Cando amenceu, atopámonos con outra cerca sobre a que tiñamos...".
Engadíu en relación có día 14:
"Viñeron o dito gobernador e o rei de Urando e mandáronos sair todos fora... Dixo o xeneral [Landecho] que queria quedarse co escribán pra tomar por testemuño o que se facia... A pouco rato dixéronlle ó xeneral e ó escribán que se fosen tamén fora, senón que lles porian as katanas ó pescozo... E así sairon sin que lles deixasen sacar nengunha cousa nen sequera os seus papeis".
Engadíu que o día 15 lles ordenou que lle desen todo o ouro que tiñan
"so pena de que, si nos atopaba tanta cantidade como medio real, nos cortarían a todos".
Por a súa parte testemuñou o xeneral Landecho que
"non lles deixou nen unha sortela de ouro nen mais caudal  co vestido que cada un tiña posto. E preguntando esta testemuña ó dito gobernador que ¿cómo o seu rei facia unha  cousa tan fea... contra a chapa de  seguro que lles tiña  dada ós españois de Filipinas? respondeu que non se marabillase esta testemuña, porque lle tiñan dito [ó rei] certas persoas que a esta testemuña nomeou e ben declarou, que eran corsarios os que esta testemuña traia na sua compañía e que viñan sondar os seus portos e reconocer a terra para vir despois sobre eles. E xa sabia o dito Taicosama que os españois cando querian conquistar un reino, levaban ou enviaban frades a facer criastiáns pra conseguir, despois de ganadas as vontades, as suas conquistas, como fixeron na Nova España, Perú e Filipinas".
Todas estas realidades anotadas confirmáronas as varias testemuñas como Ranxel, Figueroa, Valdés, e o secretario Zuazola. Todo estaba contra os españois, incluídos os franciscanos, despois de que en Taicosama penetrara tan profundamente a convicción que trataran de meterlle na alma de que os españois eran piratas e conquistadores de reinos alleos, e os frades elementos avencellados intimamente a eles.
Non embargante, tuvo Xibunoxo algún xesto de liberalidade cós españois, non se sabe con qué finalidade. Conta Figueroa un episodio que moito deu que escribir ós xesuitas:
"Abrindo as caixas dos pilotos e atopando nelas as cartas de marear, mandou chamar ó piloto maior pra que lle dixese qué era aquelo e qué significaba cada cousa... e declaroullo todo dicíndolle:
- Esta é a India de Portugal.
Preguntou que: ¿quén era rei de Portugal e da India?
Respondeu que era o rei noso señor.
Preguntou que: ¿quen era a raiña de Inglaterra e Don Antonio?.
Respondeulle que como [Antonio] se alzara co reino de Portugal, por eso, o noso rei enviara contra sua un exército ata botalo fora do seu reino e que él se acollera a Inglaterra.
Respondeu [Xibunoxo] que os namoanxines (=portugueses) de Nagasaki informaran a Taicosama diferentemente, porque di xeron que o rei noso señor era un tirano, e que todo o demais que tiña dito, dixérono os xesuitas e portugueses a Cuambacondono".
Era natural que con todos os detalles históricos que conocera Xibunoxo na corte e cós que agora iba conocendo, se fixera unha maraña mental pra él incomprensible.
O xeneral Landecho enviou ó alférez Cotelo, conocedor do xaponés, có intérprete Antonio, pra que se enterara de todo o que pensaba Xibunoxo, que aproveitou pra preguntar de novo:
"- O teu emperador ¿é tamén emperador dos portugueses?
Respondeulle que sí.
Dixo Xibunoxo:
-Eso non é verdade, porque eu teño entendido que tedes tres emperadores e que o dos portugueses é o maior de todos.
-¿Cómo é posible, señor, que che dixeran eso? Os españois e os portugueses non ten outro emperador mais co noso rei.
           Dixo Xibunoxo:
- Esto seino eu por carta que teño de Miaco na que me escriben que os portugueses informaron a Taicosama que tedes tres emperadores, un os portugueses, que é o maior, e outro o voso e outro que non sei quen é".
Despois de colocados os informadores portugueses no plan de querer faceren crer a Taicosama que o rei Felipe II de España era un tirano e usurpador de reinos alleos, e síntese de todos os males, trataron de soster por todos medios que o seu rei era Don Antonio, pra afastar deles a sospeita de seren tan culpables dos mesmos cargos de espías de que acusaban ós españois.
Pretendeu o xeneral Landecho expór personalmente a Taicosama a verdade de todo, en unión có Pai embaixador, pra ensinarlle as reais provisiós e comparalas coas portuguesas e demostrarlle que estaban todas firmadas por o mesmo rei. Pidíulle a Xibunoxo pra ir á corte imperial, e concedeulla con tal de que fixera a viaxe despois de saído él prá corte, có fin malévolo  de arranxar as cousas ó seu gusto. Xibunoxo e Chosungami sairon de Urando o 26 de novembro, e Landecho saíu cara Osaka cun grupo de españois o 4 de natal. Cando chegaron a Osaka foron prácticamente secuestrados e impedidos de falaren có emperador.
Escribe o cronista do galeón que Xibunoxo deixou ós españois en Urando
"sin facenda, en moita desventura e decíndonos que comésemos con
moderación, porque comiamos moito. Por os nosos pecados era o noso ordinario un pouco de arroz cocido que nos daban nunhas maseiras como a porcos, e tan pouco, que non abondara aínda que foramos a metade menos”.
A estas alturas estaba moi complicado o asunto do galeón  e dos mesmos españois .Escribe o Pai Ribadeneira:
“Ainda que por via do gobernador da cidade de Fushimi [Xibunoxo] moi privado do rei, se fixeron algunhas dilixencias e o santo comisario lle escribiu ó rei un billete no que lle dicia que mirase o qué dirian, e que se acordase das amizades que firmara cos españois de Manila, non foi vencida a codicia do tirano, porque houbo quen dixera que os españois eran ladrós, e que viñan a tomar o Xapón, e que a metade da facenda era dos frades, e que eran espias” ( 22 ).
A todas as calumnias contra os españois sumábase agora a codicia do emperador, a quen os seus ministros empurraban maliciosamente. Chegou un momento no que todo estaba perdido, a pesar das xestiós que pudo facer Guenifuin. E menos mal que se foron salvando as vidas dos españois. A auri sacra fames enraizara profundamente no ánimo do emperador, e pesaba nel moito máis cas vidas duns pobres homes náufragos e pra máis piratas e conquistadoires de reinos extraños.
O rico botín do galeón era tentación subxugante naquelas circunstancias pra un xaponés, tan amigos eles de dádivas e presentes.
Escribe o Pai Ribadeneira:
"Como o rei estaba coidadoso coa perda das suas casas e  lle dixeron que os seus fotoques trouxeran aquela nao ós seus reinos pra restaurar a perda dos seus pazos e que habéndose aberto no porto, era por dereito sua, deseguida se determinou de tomar a facenda" ( 23 ).
San Pedro Bautista armouse de todos os seus azos, que eran moi grandes, pra salvar todo o salvable: a facenda do galeón e a vida dos pasaxeiros. Entablouse unha loita cós inimigos, dispostos como estaban a non perder nada do botín que tiñan entre as unllas das maus. Por todos os medios trataron de que o santo embaixador non pudera comunicarse có emperador; e pra indispolo con él todo foi considerado lícito. Toda clase de calumnias puxéronse en movimento pra facer crer a Taicosama que o barco viña armado; que os franciscanos eran espías enviados como enganche, de quen os españois se servían a pról das súas conquistas, como fixeran en Nova España, Perú e Filipinas.
En medio de tantos inimigos estaban os relixiosos franciscanos sin apoio nen defensa de nenguén.

5.- O ceo cerrou os camiños
Estaba claro que os poderes humanos lles eran contrarios ós españois, e ata podería dicirse que o mesmo Deus tiña posto partido contra eles. Non sabe o home si ás veces é Deus quen actúa ou si permite que o inferno actúe libremente. O que ocurríu nesta ocasión parece máis bien unha trama infernal coa permisión divina.
Pensando nas promesas e no salvaconducto que o santo comisario tiña de Taicosama, prometíase nun principio o bó despacho do galeón, como llo anunciou a Don Matías de Landecho na carta de 20 de outubro de 1596:
"Eu procurarei negociar con toda brevedade co rei o que a vosa mercé desexa e que lles dé todo recaudo pra poder facer navio no que regrese a facenda a Luzón. A vosa mercé e os demais estean seguros de que non recibirán agravio dos xaponeses, porque o rei deume a min unha carta selada o ano primeiro que viñen coa embaixada pra que todos os españois puderan vir seguramente ó seu reino sin que por mar nen por terra se lles fixese nengún agravio..." ( 24 ).
O menos que podía pensar o santo comisario -embaixador naqueles momentos nos que escribía a prometedora carta-  era o que estaban urdindo traizoeiramente ás súas costas os inimigos pra ganarse a Taicosama e ós gobernadores có auri sacra fames consistente no rico botín do galeón español superior a un millón e medio de ducados, segundo o Pai Ribadeneira. Era máis ca suficiente esta tallada pra pór en movemento todos os recursos cós que podían contar aqueles homes amantes de riqueza. O ouro, as  sedas, e canto encerraban os moitos bultos que traía o galeón, iban ser capaces de arrastrar a codicia de xente tan afanosa de  dádivas como eran os xaponeses. O mesmo emperador todo o supeditaba ós presentes que lle ofreceran. Tal vez o gran erro de San Pedro Bautista foi loitar por o salvamento do galeón en vez de ofrecerlle a Taicosama o que iba dentro del. Ávila Xirón ofrece a visión do que pasou naqueles momentos:
"Visto por o Pai comisario o intento dos gobernadores e o traballo que ós españois se lles presentaba, puxo moito calor en ver a Taicosama e, se o vira, fora de moito proveito pero, entendido por os gobernadores e outros interesados, trataron de impedilo por un medio diabólico que foi ter  modo en como os Pais fosen acusados como quebrantadores das leis do Xapón e dos kami e fotoque, tratando que contra todos os expresos mandatos do rei, viñeran de Luzón  con título de embaixadores e estaban no seu reino predicando e ensinando a lei que él prohibira rigurosamente. Irritado Taicosama de oir dicir que habia no seu reino quen ousase violar as suas leis, mandou logo ó momento  prender e matar ós Pais e con eles a Harada Kiemon... e a Hogendono... E pra facer xusticia mais a salvo seu, mandou a Xibunoxo... que fixese información da vida daqueles frades" ( 25 ).
Como nesta relación corta están contidos feitos que foron ocurrindo en distintas etapas, cómpre pór un pouco de orde en  todo o que pasou naqueles difíciles momentos.
Foi tal a batería diabólica que montaron os poderosos inimigos dos franciscanos ganados todos eles por a auri sacra fames, que o asunto comenzou a porse tan perigoso que, por defender San Pedro Bautista ós españois e ós intereses de España, conseguíu pra sí a morte. Falando o Pai Ribadeneira de Frai Xoán Pobre, escribíu algo do ocurrido naquela ocasión:
"na compañia do benditísimo comisario fixo algunhas dilixencias pra satisfacer ó servicio do rei e favorecer ós da súa nación... Vendo o coidadoso comisario que o rei tomaba a facenda e que se trataba de matar ós españois que viñan no galeón, tras facer dilixencias pra que, si non fose posible remediar o primeiro, ó menos non se executase o segundo, pra dar aviso desto e consolar ós aflixidos españois, enviou ó Irmau Frai Xoán Pobre ó porto de Urando... Foi de moita importancia a ida do Irmau Frai Xoán Pobre a Urando, porque consolaba ós aflixidos e valia moito o seu rogo co xuiz do reino chamado Xibunoxo que foi tomar a facenda do galeón, pra que non se lles fixesen agravios ós do navio. E mais que moitas veces estuveron os españois en grande risco de perderen a vida, coa dilixencia deste caritativo relixioso, sairon, mal que pobres, coas vidas. E estando esto xa seguro, pra tratar de cobrar a facenda e solici tar o bo despacho dos españois, partiu co xeneral do navio e mais outros catro españois a Osaka onde a sazón estaba o rei e ainda que estuveron en Osaka algúns dias, non puderon acadar licencia pra falaren ó rei nen esperanza de cobrar algo da sua facenda" ( 26 ).
A presencia do galeón "San Felipe", coa súa rica sobrecarga de ricas sedas, foi a causa de todos os males que non causaron nen a guerra de Corea, nen o terremoto, nen o maremoto. Á erosión da fortaleza que pudo ter Taicosama, causada por os reveses e por os interesados no descrédito dos franciscanos, viñeron a engadirse agora as acusaciós de cantos tiñan intereses contra     eles, sin dicir nada da indiferencia de quen puderan defendelos. Xacuino considerou lexítimos todos os medios, aínda os máis innobles e ilícitos, pra tomar vinganza do seu resentimento e da súa pezoña por tanto tempo reprimidos. Os imimigos déronse agora a mau pra derrocar uns pobres relixiosos carentes de quen pudera pór a pról deles o valor da nada. O mesmo bispo que debería defendelos era un dos peores inimigos, sobre todo conocendo que San Pedro Bautista fixera informaciós pra denunciar os abusos cometidos por él, e remitilas debidamente legalizadas ó rei e ó Papa, como no seu momento lle ameazara en Nagasaki facelo.
En relación coas calumnias e coa perda da facenda do galeón informou San Pedro Bautista en carta ó Pai Agustiño Rodríguez:
"O rei tomou toda a facenda da nao dos españois, e como  traia artilleria e arcabuces pra súa defensa, díxose que debian de vir a tomar Xapón coa axuda dos cristiáns de acá... E díxose que os frades vimos de diante e  os  españois  logo, e  que  así  se  conquistou Nova España e Filipinas" ( 27 ).
Perfectamente informado estaba o santo comisario franciscano de canto estaban urdindo os seus contrarios, e moi apesarado debía estar de non poder acercarse a Taicosama, a pesar do moito que o procuraba, pra ganarlle o corazón coas informaciós veraces que lle estaban agachando os seus conselleiros.
Có paso dos días, foi tomando corpo na alma do tirano a serie de informaciós calumniosas que lles aconsellaba a riqueza do botín do galeón"San Felipe".
Con máis ou menos verdade e sinceridade escribíu o mesmo Taicosama a impresión que lle causaran as informaciós sobre a suposta condición de piratas e conquistadores dos españois e do contubernio dos franciscanos con eles na carta ó gobernador de Filipinas manifestándolle:
"Fai moitos anos que viñeron a estes reinos uns Pais [xesuitas] predicando unha lei de reinos estraños e diabólica querendo pervertir os ritos da xente plebea e baixa... por o que prohibín moi rigorosamente esta lei... Sobre todo esto, os relixiosos deses reinos, tornando acá, discurrian por as vilas e lugares predicando a sua lei a xente baixa, servos e esclavos. Oindo eu esto e non podendo aturalo, mandei logo matalos, porque teño información que neses vosos reinos a promulgación da lei é unha estrataxema e engano con que conquistades os reinos extraños... O que eu penso creo é que así como vós, por esta via, botando fora ó señor antigo dese reino vos fixestes novo señor del, así pretendedes violar as miñas leis e destruilas coa vosa e apoderarvos deste reino do Xapón" ( 28 ).
Unha das acusaciós feitas por os inimigos dos franciscanos foi ésta de que predicaban unha lei extraña en aberta violación das prohibiciós que tiña postas Taicosama pra ganárenlle a vontade decididamente, acariciando o seu orgullo e a súa vanidade de avellentado e decrépito tirano. Nengunha das anteriores acusaciós doblegaran definitivamente o ánimo do emperador; pero cando sentíu o tintineo halagador da auri sacra fames,a maldita fame de ouro producida por o rico botín do galeón, xunguido á serie de acusaciós de todo talante, deixouse convencer de que a presencia de cristianos no seu reino era un risco pro seu mando e derrubouse, sin capcidade pra resistir xa máis; e foi daquela cando decretou a persecución de todos os cristiáns, sin excepción, e tamén de Hongen, que trouxera ós franciscanos de Filipinas. A fera agora esperta dentro daquel tirano, afiaba as gadoupas a pesar das moitas vacilaciós que abaneaban o seu espírito.

6.- Rebenta a tormenta                               
            A coincidencia das múltiples acusaciós contra os relixiosos de Filipinas e a ausencia de defensores foi creando en Taicosama unha tormemta que rebentaría con toda clase de raios. Aínda tuvo o suficiente acougo pra esperar por a chegada do comisionado Xibunoxo pra conocer as súas informaciós en relación cós españois do galeón. Pudo conocer o día 4 de natal de 1596 o número de pasaxeiros e a condición de cadiún deles e os pormenores do galeón, que lle foi pintado como armado con moi boa artillería. Á vista do rico botín chegado de Urando en máis dun centenar de funeas, e as informaciós tortas ofrecidas por Xibunoxo, fixéronlle pensar no escaso valor das vidas dos homes e na conveniencia ou necesidade de castigar a quen ben lle parecera. Tiña ben pensado o tirano o que debería facer. O amor e predilección que manifestara ós franciscanos loitaba no seu interior coa codicia que lle producían o botín do barco e contra as sospeitas que agora tiña de espías dos españois. Foi daquela cando rebentaron na súa alma os ancestros dunha relixiosidade que nunca sentira desde os días de bruto leñador e peleón de  barreo. Pra comunicar as súas coitas, convocou ós seus asesores, diante dos cales expuso as queixas que tiña contra os relixiosos de Luzón e demáis predicadores da lei de nambán. Os frades de Luzón  non lle foran de nengún proveito, porque pra él o proveito estaba nos presentes que eles non tuveran aínda ocasión de ofrecerlle. Na serie de queixas, díxolles ós conselleiros:
"Non me queixo tanto deles como de Faranda que os trouxo de Filipinas, e de Fungen que lles permitiu predicar libremente. Vendo a irritación do tirano o seu cataneiro Ulfiolo, fillo de Fungen, atreveuse dicirlle:
- Ten razón a sua alteza de queixarse desos bonzos de Luzón contra quen está irritado o meu pai, porque moitas veces lles mandou que non predicasen, pero sin froito, porque eles seguiron predicando de dia e de noite na sua varela bautizando a moitos.
           Respondeu o emperador:
- ¿Eso hai?.¿E non se me deu aviso delo?
Respondeu o mozo:
- Non che deu conta o mei pai, porque entendia que eran teus amigos e non quixo estorbar o teu gusto.
Dixo o emperador:
-Teño a ocasión de matalos por predicar unha lei en perxuicio da miña e porque me fan tanto dano. Pero non son so eles quen predican a lei que eu teño prohibida, senón que tamén o fan os da India, principalmente un vello [Organtino] de quen estou informado que co pretexto de curar enfermos, non cesa de bautizar en Meaco. Todos o pagarán coa sua vida, pois vou mandar crucificalos a todos en Nagasaki.
Un tono que estaba presente díxolle:
- Señor, non podedes facerlle meirande honor ós Pais que adoran un Deus crucificado e con esto folgaranse estes, e outros moitos virán ó Xapón pra seren crucificados.
Respondeu Taicosama:
- Pois que os fritan.
Un daimio principal respondeulle:
- Non sea así, señor, senón que debes envialos a Luzón.
Dixo Taicosama.
- Non vai ser así, porque compre que os mande castigar.
O gobernador Guenifuin ousou manifestar:
- Señor, tanto rigor paréceme inxusto despois de teres celebrado cos españois de Filipinas tratados de amizade de comercio e estar os frades de Filipinas no Xapón como embaixadores.
Outro daimio arguiu:
- Señor, non está ben que uns extranxeiros sean maltratados, porque é costume no Xapón tratar ben a persoas doutros reinos.
Respondeu Taicosama:
- Si a vosoutros os parece así estade tranquilos, porque mandarei matar soamente cinco ou seis deles e ós demais, tras castigalos con cortarlles as orellas e narices e pasealos a vergoña en carros por as cidades pra escarmento de todos, enviareinos ós sus lugares de orixe.Sin dar lugar a novas intervenciós, dirixiuse ó seu cataneiro Ulfiolo e díxolle:
- Esta noite, en saindo a lúa, irás a Meaco e farás que prendan ós frades e poñan en lista a todos os cristiáns.
Tamén deu orde pra que o gobernador de Osaka puxera en prisión a todos os Pais alí existentes.
Probablemente tuvo lugar este diálogo de Taicosama cós asesores seus o día 5 do natal de 1596.
Narra o Pai Xeromo de Xesús:
"A Compañia tuvo conocemento desta prisión tres dias antes, pero non deu aviso ós pobres frades..O Pai Organtino fixo que sacasen da súa casa  ata  as  esteiras  e  fóronse  todos  os  Irmaus  a  outra  casa  canda él" ( 29 ).
Non se conocen as razós que tuveron os encargados do goberno pra retardaren a execución da sentencia de prisión ata o día 8 do natal; nen se sabe cómo pudo estar oculta durante eses varios días a sentencia, e conocida soamente dos xesuitas. Foi así como pudo fuxir o bispo o día 7 de Kioto; e de Sakai pra Nagasaki o día 8, asemade con Pais Pasio e Xoán Rodríguez. Despois de postos todos a salvo, foron cercadas as casas de xesuitas e franciscanos en Kioto e Osaka o día 8. Moraban no convento franciscano de Kioto os Pais Pedro Bautista e Francisco Blanco, os irmaus leigos Frai Francisco de la Parrilla e Frai Gonzalo García, e o estudiante Frai Felipe de Xesús ou das Casas. Frai Gonzalo García, que estaba en Fushimi e debeu ter indicios da sentencia, regresou a toda presa a Kioto pra unirse ós demais franciscanos. En Osaka moraba o Pai Martiño da Ascensión. Nas casas dos xesuitas de Kioto e Osaka non vivía naquel intre ningún relixioso, agás tres criados xaponeses na de Osaka ,que permaneceron na convicción de que non recibirían nengún dano por mor da súa condición de xaponeses ou, posiblemente, enganados pra disimular o conocemento que os xesuitas tiñan da sentencia e da detención que se facía da mesma, e salvar así ós que a tiñan detida, pra dar tempo á fuxida do bispo e á posta en salvo dos xesuitas.

7.- Abundancia de més
Cando os poderosos conselleiros de Taicosama conoceron a decisión de perseguir ós criastiáns, xa non lles foi posible mudar a vontade do tirano, a pesar das xestiós por eles realizadas. Máis dun noble cortesano tuveron medo ó que podía sobrevirlles por teren nas súas propias casas  fillos e servidume cristianos, que os había no mesmo pazo imperial. O propio Guenifuin tiña dou fillos con decidida vontade de unirse ó coro de cantos anhelaban ser mártires, como informa o Pai Ribadeneira, perfecto conocedor de toda a realidade do Xapón.
Acerca desto escribe o mesmo Pai Ribadeneira:
"Eu bauticei un criado do rei e quen lle puxen por nome Estevo e... agradecéndome moito o nome, dixo con gran fervor... que non rexeitaria confesar ser cristiano na presencia do rei... Outro cristiano que se bautizou na nosa igrexa, tamén criado do rei, estándolle servindo, mostrou o froito das continuas exhortaciós dos santos mártires a prol do martirio" ( 30 ).
O mesmo gobernador de Kioto, Guenifuin, tiña na súa casa  fillos e outros familiares cristiáns que os franciscanos ganaran coas súas frecuentes visitas aludidas por o Pai Ribadeneira:
"Onde mais proveito tuvo a comunicación dos servos de Deus foi na casa de
Guenifuin,  gobernador  do reino, porque moitos dos seus criados bautizábanse" ( 31 ).
Das predilecciós de Guenifuin por os franciscanos di o mesmo Pai Ribadeneira que, cando él se presentou a Taicosama:
"apadriñounos o gobernador chamado Guenifuin, que era a persoa mais familiar ó rei e quen mais favor nos facia" ( 32 ).
Do fervor de dous dos fillos de Guenifuin escribe o Pai Ribadeneira:
"Entre outros que se mostraron con ánimo varonil e anhelaban o martirio, foron dous mancebos principais, fillos do gobernador Guenifuin, que era amigo de cristiáns. O maior chamábase Paulo e o outro Constantino. Outro primo seu [chamábase] Miguel de cuia fe e virtude tuven eu moito conocemento no Xapón. Estes tres esforzados cabaleiros de Cristo... manifestáronlle ó seu pai que eran criastiáns e que na matanza de cristiáns  que  se  esperaba  que  seria  presto, eles  serian dos primeiros" ( 33 ).
Foi Guenifuin quen osou interpór a súa influencia ante Taicosama a pról dos franciscanos que chegaran ó Xapón como embaixadores extranxeiros a quen lles dera salvoconducto pra eles e pra os españois, e barcos de España arribados a portos xaponeses. Non se pode negar que na súa intervención pudo pesar o risco no que vía ós seus propios fillos cristiáns declarados. Era tarde pra torcer, e menos anular totalmente, a vontade tiránica de Taicosama. Sin embargo, moi ben pudo Guenifuin, axudado coa intervención de outros poderosos, mitigar a sentencia, que foi reducida a prisión dos relixiosos, alistamento do número de cristiáns, e castigo de escarmento consistente en pasear públicamente por as cidades ós condenados, e a que lles foran mutiladas as orellas e narices, que era castigo a que se sometían ós malfeitores. Exemplo das temibles e inexorables decisiós de Taicosama pode ser o comportamento có seu propio sobriño Hidetsugu, tan mimado nun principio e tan ignominiosa e tráxicamente tratado ó cabo.
En relación coa pesquisa do número de cristiáns ordenada por Taicosama, tildou de falso o xesuita Morexón o escrito por Ávila Xirón; pero moito máis enterado co xesuita, escribe Frai Xoán Pobre de Zamora:
"Mandou o emperador Taicosama chamado tamén por outros Combaco, que prendesen ós frades de San Francisco e puxesen por escrito o número de cristiáns, porque todos deberian morrer. Dera cargo pra executar esta xusticia a un dos catro gobernadores de Meaco chamado Xibunoxo que mandou tres acunias que chaman correxidores ou rexidores, que fosen prender ós frades. Eles xuntaron moita xente que foron ó pobre convento e cercárono pensando que os inocentes frades e os seus predicadores podian fuxir... A voz do  martirio acudiron tantos xaponeses cristiáns a igrexa, que por ser tantos en número, non se puderon contar. Eu cheguei a Osaka e trouxéronme a nova dicindo que mais de tres mil cristiáns viñan de sua vontade a asentarse e escribirse pra padecer martirio que cando eu o oin dixen louvando a Noso Señor: "Bendito e loado sea Deus que xa outorga ó glorioso San Francisco o décimo dos 30.000 que abandonaron a fe na persecución dos Pais [xesuitas] pois que ó principio desta xa ven tres mil...". Foron tantos os que viñeron, que o sustituto que foi pór as gardas e escribilos, abraiado, dixo:
- ¿Cómo sendo as casas tan poucas, veñen tantos cristianos...?
Díxolle o santo comisario:
- Ven de outras partes de lexos pra gozar do barato.
Dixo o sustituto:
- ¿Pois tan barato é morrer? Eu quero oir os vosos sermós e, si me convén, quero tamén morrer.
Esto súpeoo eu por carta do santo comisario. Foi levada esta nova a Taicosama falándolle da gran moitedume de cristiáns que viñan sin ser chamados a escribírense e mandou que non morresen todos senón soamente os relixosos e os seus predicadores" ( 34 ).
Sobre o conocemento primeiro que tuveron os franciscanos da súa prisión narra Ávila Xirón:
"Foille levada esta nova ó santo comisario Frai Pedro Bautista que a recibiu con moito lecer e alegria. E sendo logo cercado o mosteiro e postas rigorosas gardas as portas aderezaron eles os altares de blanco e deron moitas gracias ó Noso Señor por a mercede que lles facia, e con moito ánimo esperaron o que fose servido deles. Os presos en Meaco foron o Pai comisario Frai Pedro Bautista e o Pai Frai Francisco Blanco, o Irmau Frai Francisco de San Miguel e Frai Gonzalo Garcia, leigos, e o Irmau Frai Felipe das Casas ou de Xesús que viñera na nao "San Felipe" e alí estaba. No convento de Nosa Señora de Belén de Osaka estaba o Pai Frai Martiño da Ascensión a quen tamén lle puxeron  gardas" ( 35 ).
A lista que se comenzou a elaborar en Kioto puxo de manifesto o numerosos que eran os cristiáns na cidade de Kioto, e que estaban metidos en todos os fogares máis distinguidos, e ata no mesmo pazo imperial, como xa queda confirmado con palabras do Pai Ribadeneira
Foi o día 8 do natal de 1596, cando amaneceron os conventos de Kioto e de Osaka dos xesuitas e dos franciscanos rodeados de gardas por dentro e por fóra, como así o manifesta o santo comisario na carta do 18 do natal ó Pai Agostiño Rodríguez:
"Finalmente a nosoutros tennos cercados de xente de garda por dentro e por fora de casa fai hoxe dez dias. Contra os nosos cristiáns está dada sentencia de morte e así os ten postos por lista e gárdanos" ( 36 ).
En relación coa data da prisión dos relixiosos, escribe o Pai Xeromo de Xesús que tuvo lugar "o día da Concepción de Nosa Señora que se celebrou o luns". Era aquel un día de gran festa pra todos os fillos de San Francisco, por ter sido a Orde Franciscana forxa de onde xurdiron os grandes defensores desta prerrogativa da Mai de Deus.
Animando ó santo comisario, si é que estuvera necesitado de folgos, estaba en Kioto San Francisco Blanco, que non deixaba nen por un momento abandonado aquel pequeniño rabaño de cristianos, a cuio coidado dedicara especiais coidados dende o primeiro día da súa chegada a Kioto. Foi á vista do valor daqueles seus fillos espirituais nacidos á fe por obra e gracia en parte dos seus desvelos cando, ateigado de santo abraio, escribíu ó Pai Marcelo de Ribadeneira:
"Cada dia estamos esperando morrer por amor de Xesucristo, do que temos gran cosolamento, principalmente vendo que os criastiáns están con tantos azos, que lamentan a tardanza dos verdugos. E ainda nos causa meirande admiración que dende Fushimi e dos montes mais afastados ven os cristianos publicarse dicindo ¿por qué eles non han seren presos? pois, si nosoutros o estamos por ser cristiáns, tamén eles o son. Non nos permiten falar con eles. Eu estou avergoñado de min mesmo vendo que uns homes tan novos na fe, amosan tanto valor, que non teman, antes por ela anhelen morrer" ( 37 ).
¿Quén pode ser capaz de dar máis ca este valeroso fillo das terras galegas e ourensás? Ninguén pode dar máis ca quen está disposto a dar a súa vida; e San Francisco Blanco estaba ofrecéndoa decididamente coa fe inmensa que lle henchía a alma e que había mamado no regazo da sua mai Elena da Veiga, a quen tantísimas veces lembraría pra bendicir o seu nome.
Esta carta escrita nun intre decisivo da súa vida, cando xa estaba vendo a proximidade de facer entrega final a Cristo, por quen tanto loitara e suspirara, tráenos á memoria as súas inquedanzas espirituais vividas no noviciado de Vilalpando e nos conventos de San Antonio de Salamanca e San Francisco de Pontevedra, en total sintonía coas arelanzas de San Paulo de morrer pra unirse con Cristo. Nesta carta brilla a inxeleza característica do santo, o seu baril comportamento, e a serenidade de alma diante da morte; todo porque estaba ás portas de ver florecer o ideal tan acariñado de morrer por amor do seu Señor Xesucristo crucificado.
            O Pai Ribadeneira soamente copiou as principais palabras da carta do santo mártir; e nós lamentamos que non deixara constancia de toda ela. Falando acerca deste punto, escribíu o santo comisario, na carta do 18 do natal ó Pai Agostiño Rodríguez:
"Nos dias pasados escribiu o Irmau Frai Francisco Blanco ó Irmau Frai Marcelo. Díxenlle que avisase do que nos pasou co señor bispo, porque eu as veces teño pouco vagar e outras veces ando mal disposto" ( 38 ).
Unha conclusión que suxiren as verbas do santo comisario é que San Francisco Blanco fora testemuña de todas as conversas entre o comisario franciscano e o bispo, e das malas acciós do bispo. Moi interesante sería conocer a súa versión daqueles diálogos cheos de animosidade por parte do bispo e de tanta valentía no santo comisario, que tuvo súa humildade a fouteza  de escribirlle ó prelado e manifestarlle con entereza evanxélica moitas advertencias, rematando coestas palabras que nos transmite o Pai Xeromo de Xesús, ateigadas de simpática enerxía:
“E cando a vosa señoría por forza -como din- quixera rendirnos por fame, como parece que o ten mandado, prohibíndonos as esmolas, sábea que aínda que teña que comer follas de árbores, non penso deixar Xapón ata que o manden o Papa e o Rei moi ben informados, porque tanto como esto cómpre facer a prol das almas que Cristo noso Redentor redimiu co seu sangue”.
En relación coas varias conversaciós que o santo comisario tuvo có bispo, el mismo di:"Eu fun visitalo algunhas veces”.           
Outra conclusión que pode colexirse é que o xove bachaler de Monterrei serviría con frecuencia de amanuense ó seu superior, na serie larga de cartas que éste escribíu antes e despois da prisión.
E en relación coa actividade caritativa de San Francisco Blanco, cómpre dicir que estuvo en funcionamento vixilante a pról dos enfermos nos hospitais a partir dos primeiros momentos da prisión. Narra o santo comisario na carta ó Pai Agostiño Rodríguez:
"O primeiro dia que nos puxeron gardas, confesáronse os cristiáns e en toda aquela noite non durmimos sono confesando o Irmau Frai Francisco e mais eu, porque un cristiano dos mais principais que temos dixo que outro dia nos cortarian a todos. Eu dixen misa unha hora antes do mencer e din comuñón a todos os Irmaus e como a cincuenta cristianos, entendendo que aquela era a postrimeira misa e así nos apercibimos todos e tomamos cruces e crucifixos para irmos dar a vida por Cristo. Aquel dia, antes de comer, viñeron moitos xaponeses e recorreron toda a casa mirando o que había. Logo veu o bungo sustituto do gobernador de Meaco Xibunoxo e oin dicir que xa traian cordas e cadeas para levarnos presos, mais non foi así. Levaron ós predicadores León e Paulo e  Tomé  e Ventura e Gabriel e alá os ten o  bungo ata agora na súa casa" ( 39 ).
Na carta a San Martiño da Ascención engadíu o santo comisario:
"Alá os ten. Eles foron predicando por o camiño ós xentís con grande afouteza e esforzo, e escribíronme unha carta dende a prisión dicindo que sin falla lles cortarian as cabezas por cristiáns, mais que eles estaban moi alegres e contentos de padecer outros moitos xéneros de tormentos e que xa tiñan grandes desexos de iren ó ceo a gozar daquela benaventuranza pra onde foron criados, e que os encomendásemos a Noso Señor pra que lles outorgase baril propósito pra padecer por o seu divino amor. Eu respondinlles que este señor por quen eles anhelaban padecer, os axudaria en tan honrosa loita" ( 40 ).
Non hai capacidade pra admirar a fortaleza e valor daqueles cristiáns novos, a quen os misioneiros lograran inculcarlles na alma con tanta fondura a divina fe do evanxelio  do Señor Xesucristo.
Da convicción que tuveron os santos mártires da súa morte, ainda que na primeira sentencia non entraba a pena de morte, escribe o Pai Ribadeneira:
"anque dende o principio entenderon que serian mortos, inda que non estaba especificado na primeira sentencia que só contiña que lles cortasen parte da orella e os trouxeran a vergoña por as tres cidades ditas [Kioto, Osaka, Sakai] nesta sazón estaban xa ensaiados e dispostos prá mote co que padeceran e coa continua memoria dela e con outras santas consideraciós" ( 41 ).

8.-  Realidade da sentencia
Acabamos de ver a convicción que existía entre os cristianos e tamén entre os mesmos franciscanos, da proximidade da morte, pero a realidade era moi outra naqueles primeiros momentos nos que Taicosama estaba a mercé duha variedade de influencias contradictorias; pois mentres uns ministros se esforzaban por conseguir a morte dos relixiosos, outros loitaban por salvalos.
Esto explica o tempo pasado entre a pronunciación da sentencia de prisión e a execución da mesma e a duración da prisión no convento dende o día 8 do natal ata o 30, cando foron levados presos á cadea pública "por o camiño que sería máis ca un gran cuarto de legua", que di o Pai Ribadeneira. Él mesmo engade:
"Neste tempo platicábase entre a xente principal que o rei non só mandaba prender ós benditos mártires, mais que queria facer neles un castigo exemplar pra causar medo ós cristianos, mandando cortarlles as orellas e narices (que é un castigo que adoitan dar ós facinerosos) e que despois determinaba que fosen levados a Manila de onde foran enviados. E díxose despois que esta determinación non se puxera en execución por ter dito ó rei un grande [Guenifuin] que non parecia ben que, sendo os frades estranxeiros fosen tan maltratados e mais que viñeran por embaixadores, e ser
costume no Xapón tratar ben ós doutros reinos. Con esto aplacouse Taicosama e resolveu que lle cortasen a todos os vintecatro que estaban presos parte da orella esquerda" ( 42 ).
En medio de toda aquela confusión era natural que os relixiosos e cristiáns pensaran na proximidade da súa morte, por máis que éste non era o contido das varias decisiós do emperador Taicosama ó longo daqueles días, dacordo coas varias influencias que lle viñan chegando.
A realidade final foi que, despois de ser paseados por as rúas de Kioto e de cortada parte dunha orella, foron regresados á cárcel pública pra levalos ó día seguinte a Osaka, como o refire o Pai Ribadeneira:
"Logo deuse orde como fosen levados a cidade de Osaka, oito leguas distante de Meaco" ( 43 ).  
Dende Osaka foron levados a Sakai pra seren paseados por as súas rúas. Rregresados novamente a Osaka, narra o Pai Ribadeneira:
"Sabido o regreso dos benditos mártires de Sakai, publicouse outra segunda sentencia na que mandaba o rei que todos os vintecatro mártires fosen levados a Nagasaki e alí crucificados. Causou moita admiraciòn esta nova determinación nos xentís e nos principais da corte, porque todos tiñan asumido que canto se fixera ata alí fora pra escarmento dos cristiáns, e tiñan por certo que o rei se contentaria co que padeceran e que enviaria ós seis relixiosos a Filipinas de onde viñeran, e que perdonaria ós xaponeses  ou que, vencido do interese, os enviaria a Nagasaki pra que os portugueses os rescatasen por prata ou os comprasen como escravos" ( 44 ).
Remato este apartado coas palabras con que o Pai Ribadeneira enceta a viaxe dos mártires a Nagasaki:
"Conforme co determinado na segunda sentencia foron sacados os benditos mártires da cadea e levados ó lugar onde deberian ser embarcados, que estaba cerca, pra poder  ir ó porto de Nagasaki .Iban os santos co gozo acostumado, dando gracias a Deus..." ( 45 ). 

9.- Embaixador deica o fin
Cómpre lembrar o baril comportamento de San Pedro Bautista: na ocasión de presentar as cartas acreditativas a Taicosama rexeitou toda mostra de pomposo recebimento con  exclusión das selas de dignidade que lle foron ofrecidas pra o seu transporte. O mesmo santo di:
"Non  nos  levaron  en  selas,  porque  eu  xa  avisara  que  non  entraríamos
 nelas” (46).
Foi o seu un comportamento insobornable diante da "grande batería" que lle deron Faranda e Hongen pra que engadise ó presente que levaba a Taicosama algo máis, porque lles parecía pequeno. Aínda que o santo embaixador se negou daquela engadir nada ó presente, moi pouco despois veu a necesidade de ser máis espléndido, e así llo manifestou a Dasmariñas na carta do 7 de xaneiro de 1594:
"Quen ten a cargo os negocios desa cidade e Faranda dixéronnos que, si queríamos negociar era necesario dar algúns presentes a señores principais que tratan co rei... e anque a vosa señoria non deu comisión nengunha pra que mercaramos algunhas cousas pra este efecto..., pra sair co que a vosa señoria pretendia..., díxenlle a Pedro González a necesidade que habia de dar estes presentes; que o que gastase neles eu escribiria a vosa señoria que llo pagas... Din que vimos coas maus vacias, e fomos notados de cutres, e din que moito mais gastou Frai Xoán Cobo e así negociou pronto. Si houberamos traido bo presente ó rei e ós demais, creo eu que Pedro González tuvera regresado por outubro,  pero  como  non  lles  encheu  o  ollo, non  se  lles  daba  nada  de nos" ( 47 ).                                   
Nesta mesma carta abundou o santo embaixador en avisos e informaciós a Dasmariñas pra un bó resultado do seu traballo de embaixador:
"Na carta que lle escribe o rei a vosa señoria pide que envie a Pedro Ginzález a España pra que faga relación ó rei de todo canto viu; e aviso a vosa señoria que en nenguha maneira deixe de ir Pedro González, porque ó Cuambaco non se lle pode agachar si non vai, porque saben os xaponses cousas desas illas que eu estou abraiado. Non lles falta mais ca saber os pensamentos dos homes e ata deben adiviñalos. Si o Cuambaco sabe que non vai, faga a vosa señoria conta que non se fixo nada no da amizade... Escríballe a vosa señoria [ó rei] que envie un bo presente que lle hencha o ollo a este rei que pidelle cando veña a respos de España, veña un cabaleiro moi principal con moita pompa, e eu advirto que traiga abundosa carteira pra gastar e moitos presentes que dar, que é necesario. E advirta a vosa señoria ó rei que escriba unha carta moi autorizada, con letra de ouro... Entre as cousas que se lle envien co presente de España coa resposta a carta,poderían traer algúns vestidos curiosos"( 48 ).
Fóra da importancia que lle concedeu á contestación de España, non deixou o dilixente embaixador de aconsellarlle ó gobernador moitos outros detalles, como o da ruin casa que tiña en Manila e a facilidade de falar con todos cando "con esta xente convén amosar maxestade, pois non saben conocer a virtude". Pidíu envío dunha serie de tibores, que tanto apreciaban os xaponess pra tomar a famosa bebida cha, sin esquecerse do médico de Taicosama, Xacuino. Ata informou a Dasmariñas:
"A muralla desa cidade díxose eiquí que é moi baixa. Ten eiquí tiros de artilleria moitos e bos".
As duas cartas dos días 7 de xaneiro e 4 de febreiro de 1594 están ateigadas de informaciós e avisos que acusan á personalidade do santo embaixador, que non deixaba esquecida nengunha miueza. Sobre todo é moito de advertir a importancia que lle outorgaba a boa calidade dos presentes. Atrévome a dicir que na hora decisiva pesou moito nas decisiós de Taicosama a pouquedade en comparación da fartura dos que presentaban os portugueses. A presencia do rico botín do galeón" San Felipe" de veras lle hencheu o ollo ó rei, e decidíu botar mau del e resarcirse dos presentes que non recibira deica o momento dos españois. Falando do posto de embaixador de San Pedro Bautista, cómpre dicir que foron moitas as xestiós e grande o interés en non deixar ningún asunto sin tratar de darlle solución. No que puxo todos os seus azos foi no salvamento do galeón "San Felipe" e dos españois pasaxeiros nel. E foi tanto o interese posto, e tantos os inimigos que se levantaron contra súa, e tan poderosos, que o levaron á cruz no outeiro de Nagasaki. En nengún intre permitíu que os xesuitas se fixeran cargo do salvamento do galeón, cousa que eles moito devecían. Quixo levar personalmente todo; e si non foi quen pra salvar o galeón, obedeceu a que nenguén pudera logralo. Soamente podería logralo a chapa do salvoconducto. A Cristóbal do Mercado díxolle o santo embaixador que
"era a chapa a que había de facer o negocio que non os Pais, porque eles non falarían ó rei acerca delo, como despois se supo" ( 49 ).          Esta misma convicción sobre o valor da chapa tiña o gobernador Guenifuin, de quen o santo escribe que
"dixera que con aquela chapa él falaria a Taico anque lle cortase a cabeza, pra que dese a facenda da nao" ( 50 ).               
A verdade foi que a auri sacra fames apoderárase de tal xeito da alma de Taicosama, que ata a xestión do gobernador Guenifuin resultou inútil. Xa vimos a fausta promesa que moi pouco despois do naufragio do galeón lle fixo ó xeneral Landecho cando aínda tiña plena fe na protección de Taicosama. Aquela fe nubróuselle coas intrigas dos moitos e poderosos inimigos, ata o punto que na carta do 23 de natal de 1597 escribíulle a Frai Xoán Pobre de Zamora desde a cárcel:
"Irmau Frai Xoán, a ida da vosa caridade diante de Taicosama entendo non aproveitará nada porque xa se lle alegou ó rei a amizade e a carta de seguro, e que mirase por a súa honra e todo o tragou, ensumido na sua codicia. E pra ter disculpa de que non iba contra a chapa, dise que deu contra nosoutros e contra os cristiáns porque predicábamos a lei de Deus" ( 51 ).
Todas as xestiós serían infructuosas ante un home dominado por a codicia; ademáis de que os ministros tiñan cortados todos os camiños pra que nen o embaixador nen os españois puderan comunicarse có emperador, na convicción que tiñan de que si lograra falar con él, máis de un deles se verían precisados a facérense o harakiri.
Despois das medidas pra apoderarse do galeón, e de todo o seu rico botín, como un delito leva a un novo delito, déronse os ministros imperiales a urdiren toda unha serie de calumniosas acusaciós contra os relixiosos franciscanos. Dispostos a todo, trataron de convencer a Taicosama de que o galeón viña moi armado e de que os pasaxeiros eran piratas en contubernio cós relixiosos franciscanos pra conquistar o Xapón, e de que a facenda do barco e a mesma vida daqueles homes estarían perdidas se non fora por a intervención dos xaponeses; ademáis de que foran os fotoques protectores quen trouxeran aquela nao pra que se resarcira o rei das moitas perdas causadas por a guerra de Corea e por o terremoto, fóra de que non se lles facía nengún agravio ós españois, a quen se lles salvara as vidas.
No convencimento de que non lle sería posible falar con Taicosama, escribiulle o embaixador desde a prisión, o 30 de natal, ó xeneral Don Matías de Landecho:
"Moito me folgaria que o rei outorgase licencia pra que eu e mais o Irmau Frai Gonzalo lle falásemos na presencia de a  vosa mercé, pero entendo que non ha querer, porque a verdade o deslumbraria e avergoñaria. O Señor o mova para que a vosa mercé lle dea bo despacho" ( 52 ).
Non houbo despacho nen bó nen malo. A verdade foi que naqueles momentos estaba perdida a facenda do galeón, en risco a vida dos franciscanos e a dos mesmos españois chegados no galeón "San Felipe".

10.- Peripecias dos  misioneiros
Cómpre dicir algo do que pasou con Frai Felipe de Xesús ou das Casas, que iba no galeón "San Felipe" a Nova España para ser ordenado sacerdote. Acerca del escribiulle o santo comisario ó Pai Agostiño Rodríguez:
"O Irmau Frai Martín está so en Osaka, porque o Irmau Frai Felipe que eu deixara con él, veu a Meaco a certo negocio e despois non pudo regresar por as gardas que temos" ( 53 ).
¿Cal foi o certo negocio que levou ó santo Frai Felipe de Xesús a Kioto? Ofrécenos a resposta o ben informado Ávila Xirón con estas palabras nas que refire o encontro do bispo Don Pedro Martínez có cadávre diste santo mártir:
"Virou prós santos mártires cos ollos asolagados de lágrimas e dixo falando co glorioso Frai Felipe de Xesús:
- ¡Ouh, benaventurado mártir e moi ditoso! Mellores ordes son estas que vos deu o rei do ceo ca non as que vos neguei eu indigno bispo.
Cómpre saber que este santo mártir era corista e, veu naquela nao "San Felipe"... Subiu a Meaco onde estaba este dito bispo que fora visitar a Taicosama. Pidiulle que o ordenase de ordes maiores e non quiso facelo por non sei qué razós, e por eso dixo agora o que dixo" ( 54 ).
Moi a seu pesar, querendo desmentir a Ávila Xirón, anotou o xesuita Morexón as razós que o bispo tuvera pra non querer ordenar a San Felipe de Xesús:
"Non consta que o bispo dexera tal cousa. E non o ordenou por saber pouco e por non estar daquela as cousas no Xapón quietas e él [bispo] moi de presa pra irse a Nagasaki. Nen houbo témporas pra eso, porque, logo de chegado a Meaco [Frai Felipe], foi preso" ( 55 ).
Conténtase con dicir "non consta"; cando Ávila Xirón é sempre unha fiel testemuña de canto escribe. Morexón non estuvo presente. Fútiles son as razós que di que tuvo o bispo pra non darlle as ordes a San Felipe. ¿Qué sabía pouco...? Nen o bispo tuvo tempo de saber o que sabía o santo mártir, porque toda a súa preocupación foi fuxir da "queima" que estaba decretada contra os cristiáns alí mesmo en Kioto. Por o demáis, San Felipe  pasaba a ser ordenado sacerdote na Nova España, enviado por os superiores franciscanos de Filipinas, en todo momento esixentes na elección de candidatos á alta dignidade do presbiterado. Nengunha das razós anotadas por Morexón son válidas. Non a falla de saber en San Felipe. Non a falla de tranquilidade no Xapón. Nen sequera a falta de témporas ou días hábiles pra conferir ordes. Sinxelamente a razón única foi a presa que o bispo tuvo pra escapar de Kioto por medo á persecución contra os cristianos que xa estaba decretada alí mesmo en Kioto. Aquel prelado non tiña madeira de mártir. En relación có pouco afecto que tiña ós franciscanos, cabe lembrar o seu comportamento de anos anteriores, có que rexeitou e non quixo ordenalos en Macao.

11.- Obediencia antes ca martirio
Falando das peripecias dos franciscanos non se pode esquecer o sucedido có Pai Xeromo de Xesús ou de Castro, natural de Lisboa, formado en España e pasado a Filipinas en 1593 na misión organizada por o Pai Pedro Ortiz Cabezas. Él mesmo escribe, falando de San Francisco Blanco:
"Pasou a Filipinas cos cincuenta relixiosos que "saimos" de España prá aquela terra no ano 1593, que foi o mais proveitoso grupo de relixiosos que sairon de España" ( 56 ).
O Pai Ribadeneira escribe na vida deste santo relixioso:
"devecendo en desexos de dar a sua vida por o honor doseu Redentor Xesucristo e empleala na conversión dos infieis, pasou canda min as Filipinas. Sin encarecementos poderei afirmar que no predicar e confesar traballaba por dous... Despois fomos enviados xuntos a Xapón" ( 57 ).
O Pai Xeromo de Xesús non acadou o martirio a pesar do moito que o degorou. A súa vida é unha proba de que a obediencia vale máis co sacrificio e co mesmo martirio. O desexo do martirio e o sofrimento pode convertir a unha alma en mártir. A Virxe María é aclamada "Raiña dos mártires" por convertirse en  mártir ó pe da cruz de Xesús seu fillo.
Contemplemos agora a insistente tirapuxa entre o Pai Xeromo de Xesús e o seu superior san Pedro Bautista; o Pai Xeromo teimando por ser mártir e o Pai Pedro a mandarlle que atendera ó rabaño de cristiáns necesitados dos seus coidados.
Estaba o Pai Xeromo exercendo o cargo de superior no convento franciscano de Nagasaki nos momentos inmediatamente anteriores á persecución contra os cristiáns; e foi nese preciso intre cando San Pedro Bautista o nomeou superior do convento de Osaka, a onde se dirixíu prontamente. Por as súas mesmas verbas podemos facernos idea da súa odisea. Escribe así:
"Cando prenderon ós meus irmaus... en Miaco e Osaka... estaba eu de camiño desde Nagasaki a Osaka e así nen fun preso nunha parte nen na outra... Finalmente, postas todas as miñas esperanzas, subin a Osaka onde estaba preso o santo Frai  Martiño... Eu funme a casa dun cristián onde atopei ó Irmau Frai Xoán Pobre.Tras del veu o xeneral do galeón San Felipe... Pedíronme que conviña ó servicio do rei noso señor que eu baixara a Nagasaki a facer requerimento ó cApitán de Macao pra que os favorecese co rei xentil... e pra esto enviaron a pedir licencia ó santo comisario que estaba preso en Meaco, que ma enviou pra que remediase a necesidade na que estaban o xeneral e os demais españois do galeón... Non sabendo qué facer, abadoneime a obediencia do meu santo prelado... e así lle escribin ó camiño cando baixaba de Meaco a Osaka, dándolle o parabén do seu triunfo, rogándolle que me dese licencia pra ir acompañalo ou que me dixese onde seria mellor sair a recibilo... Respondeume o santo... que me quedase .E logo cando chegou a cárcel de Osaka, volvín escribirlle outra vez que de amañecida me teria na súa compañía e dos demais mártires. Daquela respodeume:... Eu rógolle que pra consolación dos cristianos e pra que a Orde do noso Pai San Francisco non falte no Xapón se quede agora oculto ,e doulle toda a miña autoridade e a do noso Irmau Provincial .Noutra segunda carta que me mandou, decíame que o que escribira na primeira era o que conviña ;que me quedase, que Deus aceptaria a miña vontade de querer padecer por o seu amor. E cando saia da  cárcel enviei a dicirlle que me dese licencia pra acompañalo en tan glorioso triunfo e martirio .Daquela enviouma terceira carta cuias son estas palabras: Irmau Frai Xeromo,eu lle rogo e mando segunda vez que se quede agora oculto no Xapón, porque esto é o que convén segundo Deus "( 58 ).
As arelanzas do Pai Xeromo por unirse ó coro dos mártires foi unha constante durante aqueles días. A carta permitíndolle que pasase a Nagasaki a tratar o remedio do galeón San Felipe recibiuna o mesmo día da prisión de San Martín da Ascensión. Chegados á cárcel os mártires, envioulles un regalo de comida có aviso de que estaría á mañá seguinte con eles. Todos os razonamentos e decisión do santo comisario pon
de manifesto a superioridade da obediencia do superior sobre o desexo de martirio do súbdito perfecto. O superior estaba ensinándolle e esixindo ó súbdito que a obediencia está sobre o mesmo martirio. Por obediencia quedouse o Pai Xeromo de Xesús sin a coroa do martirio. Convencido o santo comisario da obediencia do Pai Xeromo, escribíu na carta do 2 de febreiro de 1597, xa na véspora do martirio:
"Deixo ó Irmau Frai Xeromo en Osaka pra consolo dos cristiáns. Queda oculto, porque doutra maneira non creo que se conservara dous dias sin que o prendesen" (  59 ).
O interés de que os cristiáns non se quedaran totalmente orfos e sin pastores triunfou sobre o anhelo personal do Pai Xeromo de ganarse o ceo por o atallo do martirio. De non consideralo necesario a pról dos cristiáns, procedera o Pai comisario coma noutra ocasión, na que lle escribíu ó Pai Martín da Ascensiòn:
"O Irmau Xoán Pobre regrese a Manila a dar conta ó noso Irmau Provincial do que acá pasa, porque bastamos por agora os que estamos ata ver no que paran
estes preitos. Si entendera que nos habian de martirizar a todos, eu o detuvera e non se iria, mais non creo que recibiremos esta mercé, anque non temos seguro de que non nos matarán" ( 60 ).    
Con casi toda seguridade pode dicirse que todas estas cartas do comisario as escribía en calidade de amanuense San Francisco Blanco. Na súa Relación escribe o Pai Xeromo:    
"Tamén mandou ó santo Frai Francisco Blanco que no seu nome me escribise que  me  facía  sucesor  e comisario faltando ou morrendo o Irmau Frai Agostiño" ( 61).
¿Quén non verá na vida e na peripecia deste misioneiro a mau de Deus que non o quería mártir, porque o tiña reservado  pra que fora él moi en breve o conductor do novo renacemento cristiano que rebrotaría puxante có rego de sangue dos seus compañeiros? É Deus quen escolle a uns, rexeita a outros, e a outros reserva pra futuros traballos no seu bacelo. Cúmplese a palabra súa no evanxelio: Non me elexistes vosoutros. Son eu quen vos elexín a vós pra que vaiades e dedes froito duradeiro.
Tan pronto tratou o Pai Xeromo de saír do lugar onde quedara escondido en Osaka, os inimigos abalanzáronse contra él coma lobos sin miramentos á memoria dos santos mártires. Él mesmo narra a nova e inmisericorde peripecia sin citación nominal dos novos inimigos, que foron os de sempre. Estas son as súas palabras:
"Como me quedei en Osaka, afiunzado en Deus que me axudaria e por virtude da santa obediencia me gardaria, non faltou quen pretendese atallarme os pasos porque me botaron de duas casas de homes principais que me recibian, e de outra dun pobre, e despois botáronme de outra. E véndome en tal apreto e reconocéndome semellante a Xonás, díxenlle ó que me traia nestos trances: "Animo, aquí me tes agora. Fai de min o que vos plaza". A esto respondeume que a boa traza era botarme ó mar e pra esto vin aparellado un barco. Estando así eu na porta de Osaka no mes de xaneiro, nevando e cuberto o hábito cun vestido de xaponés, véndome en tanta tribulación, sin saber si me levaban a crucificar ou a botarme no mar, levantei as maus cara o ceo e fixen esta breve oración: "Meu Señor Xesucristo, teño unha soia vida e fai moitos anos que vola teño ofrecida e fará catro dias que a ofrecín coa meirande vontade, pois vós sabedes con canta alegria anhelaba acompañar ós meus irmaus ou na morte ou na vida, pero xa que a obediencia pode tanto, que me fixo negar a miña vontade, eiqui me tes, Señor. Fágase en  min a tua santa vontade que o meu prelado me di que é que me quede no Xapón"... Neste intre asomou por unha parte quen viña meterme nun barco, como él dicia, e por outra tres xaponeses que me colleron dun brazo e me dixeron :"¿A onde vai Pai Frai Xeromo?
Eu dixen: Vou a onde Deus queira levarme.
Dixéronme os tres:
- Veña connosco,Pai.Sepa que o levan enganado.
Daquela eu deixeime levar por eles mentres o outro daba berros que non fose. E foi chamar xente pra que me prenderan pero os tres leváronme mais de media legua e puxéronme na casa dun xentil a quen moito encomendaron que tuvese moito coidado de min. Foi tan grande o meu cansancio nesta ocasión e aflicción, que case pensou dar a Deus a alma. Volto ó cabo en min, e confortado coa pobre cama que me deu infiel, despois de feita oración ó Señor, dorminme. E estando durmindo tuve un soño no que via moitas cruces e outra na que me puñan a min. E cando querian levantarme nela, chegaba o noso Pai San Francisco dicindo: "Iste non, porque o necesito eu". Con esta aflicción espertei pensando no soño... Logo funme pra Meaco ben sabe Deus con canto traballo, perigo e aflicción e atopeino todo quieto e ás mulleres dos mártires postas xa en libertade e ós cristiáns moi tranquilos... Visto e ben considerado esto e que por botarme a min tal vez se levantaria outro ruido e tormenta peor ca pasada e que eu era so e que os cristiáns que deberian favorecerme eran poucos e moi pobres, determinei baixar a Nagasaki por ver si encontraba algunha axuda... Despois de chegado a Nagasaki, funme secretamente a casa dun devoto cristiano... deron aviso ó gobenador xentil da cidade e por seu mandato botáronme de duas casas de portugueses onde dicia misa... Finalmente salín daquel reino e despois de padecer algúns traballos por amor de Deus, dispuxo a sua Maxestade que o navio no que iba con outros dous Pais agostiños e algúns españois arribase a Macán e dalí cos meus irmaus que foran desterrados, regresei a Manila”  ( 62 ).   
Na súa santa cortesía, non citou este relixioso os nomes dos seus perseguidores; pero nenguén ten a menor dúbida de que foron os xesuitas quen argallaron toda aquela intriga.
Deixemos por agora a vida do Pai Xeromo deica o momento do seu regreso ó Xapón, pra ser o heroe da restauración e ser novamwente obxecto de pesecuión.

12.- A persecución atinxíu a todos os franciscanos
Os franciscanos moradores no convento de Nagasaki tuveron un trato especial sin que se conoza a verdadeira razón delo. Estaban de moradores daquela os Pais Agustiño Rodríguez, Marcelo de Ribadeneira e Bartolomé Ruiz.
Da sorte destos tres relixiosos escribíu o Pai Pedro Bautista na carta do 14 de xaneiro de 1597:
"Ainda que non temos noticia do que será dos Irmaus que están en Nagasaki, que son o Irmau Frai Agostiño, o Irmau Frai Bartolomé e o Irmau Frai Marcelo, pero entendemos que pasarán por a mesma sentencia que nosoutros" ( 63 ).
O illamento a que estaba sometido naquel momento o santo comisario non lle permitíu conocer a situación dos tres relixiosos que moraban en Nagasaki e foran levados á forza por orde do gobernador Gompei ó barco do portugués Rui Méndez de Figueredo anclado no porto, o día 13 de xaneiro, o anterior á carta do santo comisario, como o narra Ávila Xirón:
"o buxio que aquí estaba, que era Gompei, embarcou a  todos tres na nao de Rui Méndez de Figueredo que viñera de Macao. Non sei por orde de quen se fixo esto... Asimesmo prenderon na dita nao o Irmau Frai Xoán Pobre que viñera na nao "San Felipe" ( 64 ).
Xa queda referido o moito que tuvo que sufrir o santo comisario durante os días da súa estancia en Nagasaki. Ata se viu na necesidade de abandonar o hospital por insidias dos xesuitas. O gobernador Tarazaba mostroulles favor e mandou que lles desen unha casa que os portugueses compraron a un xaponés. O Pai Ribadeneira narra o que pasou despois coa casa:
"Pero como o demo pretendia botalos non so do hospital, pero tamén daquela terra, de tal maneira baraxou este negocio da casa, que nos deu moito en que merecer ata que, antes do martirio, nos expulsaron a forza a tres relixiosos que estabamos alí servindo ó Señor, como adiante se dirá" ( 65 ).
É interesante a narración do Pai Ribadeneira, un dos protagonistas de todo o que daquela pasou:                        
"Outros tres que estabamos en Nagasaki cando se supo da prisión dos gloriosos mártires en Miaco, con mau armada, fomos expulsados por o xuiz xentil daquel lugar, da casa onde estabamos, e levaron públicamente ós dous ó navio dos portugueses que estaba no porto, con gran sentimento dos cristiáns... Chegados ó navio, foron entregados diante de testemuñas ó capitán dél pra que os gardase e non os deixase sair da nao. E eu que por a obediencia e por xustos e necesarios respetos fuxín con non pequeno traballo e me escondín, ó dia seguinte, por non encontrar cristiano nen xentil que me quixese ter na súa casa por temores humanos presenteime a dous portugueses e fun levado tamén dos ministros de xusticia ó navio onde estabanos os tres con gardas dentro do navio e na mar cando crucificaron ós santos mártires" ( 66 ).
Moitos dos pormenores de todo aquelo quedarán pra sempre no silencio por mór de que o Pai Ribadeneira non se baixou a clarificar os nomes dos causantes de todo. Cabe dicir que, si o gobernador era favorable ós franciscanos, foi o xuiz quen fixo que sufriran prisión no barco portugués con gardas dentro e fóra do barco. ¿Quén movía todo aquelo...?
A mesma fortuna dos outros tres cóubolle a Frai Xoán Pobre de Zamora, que teimaba por unirse ó grupo de mártires. Del narra Ávila Xirón:
"Saíuse da casa de Antonio Garcés, un portugués que hospedara ó xeneral e ós seus compañeiros, e foise cara onde  lle dixeron que viñan os Pais con mentes de morrer con eles, mais foi buscado e traido a forza a casa de onde foi levado a nao" (67).
Tamén narra o Pai Ribadeneira:
“O Pai Xoán Pobre, anque tiña licencia do rei pra ir co xeneral e cos demais españois con quen viñera, e volverse a Manila" ( 68 ).
Todos aqueles relixiosos remataron viaxando non a Manila, senón a Macao, a onde os levou o bispo cando debeu saír do Xapón, mal a seu pesar, unha vez terminada a sua misión e ver fóra ós mártires.

13.- Gracias, meu Deus
O primeiro pensamento do avellentado e achacoso Taicosama foi unha persecución xeral contra todos os cristiáns sin excepción. Pra eso ordenou facer unha lista de todos eles. Despois foi afloxando a dureza da súa sentencia na medida que os conselleiros iban moderando o seu carraxe. Non esquezamos as palabras do Pai Ribadeneira e de Ávila Xirón que falaron dos familiares cristiáns que tiñan nas súas casas moitos dos nobles.
Di Ávila Xirón:
"Foi levada esta nova ó santo comisario Frai Pedro Bautista que a recibiu con moito gusto e ledicia... e deron moitas gracias a Noso Señor por a mercé que lles facía" ( 69 )
Despois da prisión dos franciscanos iniciouse o alistamento dos cistianos de Kioto. Escribe Ávila Xirón que
"en breve espacio escribiron mais de tres mil e entre eles moitos fillos de homes proncipais".
Aqueles homes trataron de salvar o que máis lles interesaba, non importándolles nada que morreran os relixiosos.
Xibunoxo informou a Taicosama:
"Visto por Xibunoxo, determinou dar conta delo a Taicosama e deulla dicindo que entendia que por aquel estilo despoboaríase a cidade e que lle parecia que non se proseguise no comenzado, senón que os Pais e xaponeses que estaban presos morresen, si alguén debía morrer... Pareceulle ben ó rei tomar este consello" ( 70 ).
Evidentemente esta proposta de Xibunoxo foi darlle ó achacoso rei como cebo e solución a morte dos franciscanos pra salvar o que a él e outros moitos lles interesaba.
            Teñamos en conta que a decisión de Taicosama tuvo moitas voltas e revoltas naqueles dias. Primeiro decretou a persecucón de todos os cristiáns con castigo soamente de algúns. Despois reducíu o castigo ós franciscanos e ós seus máis cercanos colaboradores. Vivíronse dias de vacilaciós e chegaron a pensar os amigos dos franciscanos que todo quedaría na expulsión a Manila, como alguén llo manifestou ó Pai Xeromo de Xesús, que así o escribíu:
"Vendo que lles cortaran as orellas e que os traían camiño de Nagasaki, preguntei qué sería deles e dixéronme que non morrerían, senón que os perdonarían, si houbese quen rogase por eles ó rei" ( 71 ).                   Ata parece que Deus non suscitou quen rogase por eles. Era necesario que no Xapón houbera valerosos que poideran verter a súa sangue. No medio de todas aquelas vacilaciós do rei vivían felices os fillos de San Francisco, anhelando con todas as veras da súa alma que o Señor escoitara as súas oraciós e que lle fosen gratas ás súas vidas si o perdelas poidera ser de utilidade. Xa anotei noutra parte as palabras acerca do que pensaba o xesuita Pai Sebastián González da necesidade no Xapón de sangue de martirio. Narra del o Pai Ribadeneira:
"Anhelaba moito que houbese mártires e vivia sempre con este santo desexo como quen arelaba selo; por eso, cando viu cumplido o seu desexo,daba moitas gracias a Deus e con ferventes palabras incitaba a todos a veneración dos benaventurados  mártires  e  procuraba  ir  moitas  veces  visitar  os  seus corpos" ( 72 ).
Agora anoto o que pensaba o Pai Bartolomeu Ruiz. Sobre ésto que pensaba escribe o Pai Ribadeneira:
"Estando alí [Nagasaki] non soamente se alegrou coas novas da prisión dos seus compañeiros, pero daba gracias a Deus porque, como él dicia sempre, aquela igrexa tiña necesidade dun rego de sangue. Moito antes do martirio, dixo que á Orde de San Francisco, senón era derramando o seu  sangue  os  frades  por  a  fe, non  salirian do Xapón, como sucedeu" ( 73 ).
A permanente alegría dos santos prisioneiros pode verse  en todos os actos daqueles días. En carta decíalle a San Martín da Ascensión:
"Estamos moi alegres e consolados no Señor ainda que cercados dentro e fora de casa de gardas,  tendo por mercé moi grande padecer por o seu divino amor... ¿Quen poderá contar a ledicia e o lecer que houbo entre todos nosoutros e as gracias que dabamos a Deus Noso Señor por parecernos que era chegada a hora na que este Señor quería facernos participantes do seu reino?" ( 74 ).
Noutra carta dixo o santo comisario:
"Celebramos o santo Natal do Fillo de Deus con moita alegria espiritual. Entonamos as vésperas e houbo incenso... E houbo cantigas ó noso modo... O Señor ordene aquelo que ha ser pra súa gloria que certo nesta prisión non lle pedin que me libre da morte..E doulle infindas gracias por esta mercede"( 75 ).    Nun principio foron postas gardas ás casas dos xesuita, asemade coas dos
franciscanos; aínda que ás dos primeiros deixáronas libres de gardas en atención ás xestiós realizadas por individuos interesados a seu pról.
Tras varios días de gardados nas súas casas e ante a insistencia das maniobras acusatorias contra os franciscanos, dictou Taicosama sentencia de pasealos a pública vergoña. Confundido esta sentencia e a sentencia de morte nunha soia, narra Ávila Xirón:
"E así deuse sentencia de morte contra os xaponeses que estaban presos con eles, que eran quince, e o irmau Miki Paulo, da Compañia, con dous doxicos que recibiron [profesaron] despois no camiño de Urakami o dia que os crucificaron cerca de aquí,... son deceoito e un que se entrou na prisión, decenove e outro que despois prenderon no camiño vinte, e o santo comisario Frai Pedro Bautista, Frai Martín, Frai Francisco Blanco, Frai Francisco de San Miguel, leigo; Frai Felipe de Xesús, corista; e Frai Gonzalo García.
Os nomes dos xaponeses son estes: Pablo Auzuki, predicador; Gabriel, doxico; Kinuia Xoán;Tomé Danki, predicador; Francisco, predicador; Xaquín [Sakakibara], cociñeiro no convento de Osaka; Tomé [Kosaki], doxico; Ventura, predicador; León  [Carasuma], predicador; Matías [cociñeiro en Kioto]; Antonio, doxico de trece anos de idade [axudante de San Pedro Bautista]; Loisiño [Ibaraki], de dez [anos]; Xoán [ de Goto], doxico da Compañia de Xesús, xaponés de nación; Paulo Ibariki, predicador Miki Paulo, irmau da Compañia de Xesús, xaponés de nación; Kisai Diego, doxico da Compañía de Xesús; Kosaki Miguel [pai do neno Tomé];  Sukexiro Paulo; Cosme [Takeia], predicador; Francisco Gaio. Xa trouxeran ó Pai Martín de Osaka e o irmau Miki Paulo que prenderon na igrexa da Compañia de Xesús, que alí estaba, ainda que oculto; porque como o mandato  do rei foi que matasen a todos os Pais, así como foron a  San Francisco, foron tamén a casa da Compañia onde residia o Pai Organtino a quen non atoparon na casa, e prenderon ó dito irmau e ós dous doxicos que despois foron recibidos como irmaus o dia que os crucificaron .Dia da Epifania do Señor,  ano de mil e cinco centos e noventa e sete foron a prisión e sacaron dela ó santo comisario Frai Pedro Bautista e ós seus ditos compañeiros Pais, Irmaus e xaponeses que por todos eran vintecinco" ( 76 ).
Nesta Relación de Ávila Xirón están mesturadas varias etapas que son: mandato da prisión dos relixiosos, sentencia de  morte, etc. Con meirande exactitude narra o Pai Ribadeneira:
"Conocido o regreso dos benditos mártires de Sakai, foi publicada unha segunda sentencia que dera o rei mandando que todos os vintecatro mártires fosen levados a Nagasaki e alí crucificados. E causou moito abraio esta nova determinación nos xentís e nos principais da corte, porque todos pensaban que o que ata alí se fixera fora pra escarmento dos cristiáns e todos tiñan por certo que o rei se contentaría co que xa padeceran e que enviaría ós relixiosos as Filipinas de onde viñeran e que perdonaría ós xaponeses"  ( 77 ).                 
Existíu en moitos conselleiros do decadente emperador a esperanza de que non pasaría a condenar a morte ós relixiosos,  e que todo quedaría en desterro a Filipinas. Recolleu esta impresión o Pai Ribadeneira:
"Falábase neste tempo entre a xente principal de que o  rei non so mandaba prender ós benditos mártires, senón que queria facer neles un castigo exemplar pra pór medo ós cristiáns, mandando cortarlles as orellas e narices... que despois determinaba que fosen levados a Manila de onde viñeran. E díxose despois que esta determinación non se puxera en execución por dicirlle un grande ó reo que, sendo os frades extranxeitos fosen tan mal tratados e mais vindo como viñeran de embaixadores  e  ser  costume  no  Xapón  tratar  ben  ós  de  outros reinos" ( 78 ).                         
Causa extraneza que o Pai Ribadeneira non identificara a persoa grande a quen fai alusión, e que Ávila Xirón ben claramente di que se tratou de Guenifuin, gobernador en Kioto e admirador sinxelo dos franciscanos e moito do propio Pai Ribadeneira, que frecuentaba a súa casa dende o día que o mesmo Guenifuin os apadriñara na entrevista con Taicosama cando chegou ó Xapón. Escribe él mesmo:
"Chegado o dia que deberíamos falarlle, apadriñounos o gobernador chamado Guenifuin, que  era  a  persoa  máis  familiar  do  rei e quen máis favor nos facia" ( 79 ).                









N O T A S


  ( 1 ).- RIBADENEIRA, lib. 5,c. 24, 497.
  ( 2 ).- Ibidem, lib. 4. c. 35, 415.
  ( 3 ).- GIRÓN, 517 – 519.
  ( 4 ).- POBRE.
  ( 5 ).- GIRÓN, 517 – 519.
  ( 6 ).- BAUTISTA:Carta al Padre Francisco de Montilla.Osaka,11 de outubro de 1596,
            AIA,VI,271 -272  e XXI, 519 – 520.
  ( 7 ).- JERÓNIMO; Relación, AFH, XIX, 395 e AIA, XXI, 520.
  ( 8 ).   - GIRÓN, 520.
  ( 9 ).- RIBADENEIRA, lib. 4, c. 36, 418.
( 10 ).- Ibidem, 419.
( 11 ).- Ibidem 421.
( 12 ).- Ibidem, l. c.
( 13 ).- BAUTISTA: Carta al general Matías de Landecho, 29 de outubro de 1596.
( 14 ).- Ibidem: Carta al Padre Ribadeneira. 17 de novembro de 1596.
( 15 ).- Ibidem, l. c.
( 16 ).- Ibidem, l. c.
( 17 ).- PÉREZ: Declaraciones de los marinos españoles.
( 18 ).- PEDRO MARTÍNEZ:Testimonio, en Robles Dégano, 203.
( 19 ).- ROBLES DÉGANO, 204 – 205.
( 20 ).- GIRÓN, 521.
( 21 ).- Ibidem, l. c.
( 22 ).- RIBADENEIRA, lib, 4. c. 36, 422.
( 23 ).- Ibidem, 420.
( 24 ).- BAUTISTA: Carta al general  Matías de Landecho. 20 de outubro de 1596, AIA,VI, 299
          e XXI,522.
( 25 ).- GIRÓN, 522; AIA, VI, 299.
( 26 ).- RIBADENEIRA, lib. 5, c. 19, 478 – 479.
( 27 ).- BAUTISTA: Carta al Padre Agustín Rodríguez. Meaco, 18 de natal de 1596; AIA,VI, 288
         e XXI, 524.
( 28 ).- TAICOSAMA: Carta al gobernador de Manila, AIA, XIII, 31.
( 29 ).- JERÓNIMO, Relación, c. 2.
( 30 ).- RIBADENEIRA, lib. 5, c. 8, 451 – 452.
( 31 ).- Ibidem, lib. 4, c. 14, 359 – 360.
( 32  ).- Ibidem, lib. 4, c. 20, 377.
( 33 ).- Ibidem, lib. 4, c. 8, 345.
( 34 ).- POBRE, AIA, XXI, 530 – 531.
( 35 ).- GIRÓN, 524 – 529.
( 36 ).- BAUTISTA: Carta al Padre Agustín Rodríguez, 18 do natal de 1596.
( 37 ).- SAN  FRANCISCO  BLANCO: Carta al Padre Marcelo de Ribadeneira. Copiouna  o Pai
          Castro, II,75.
( 38 ).- BAUTISTA:Carta al Padre Agustín Rodríguez,18 de natal de 1596,AIA,VI,288 -289 e
          XXI, 525.
( 39 ).- Ibidem, l. c.
( 40 ).- Ibidem: Carta al Padre Martín de la Ascensión avisándole de la prisión, AIA, XV;(1921),
         176-177 e XXI, 525. Publicou esta carta o Pai Ribadeneira, lib. 5, c. 3, 437.
( 41 ).- RIBADENEIRA, lib. 5, c. 12, 463 – 464.
( 42 ).- Ibidem, lib. 5, c. 5, 444.
( 43 ).- Ibidem, lib. 5, c. 9, 455.
( 44 ).- Ibidem, lib. 5, c. 12, 462 – 463.
( 45 ).- Ibidem, lib, 5, c. 13, 465.
( 46 ).- BAUTISTA: Carta a Gómez Pérez Dasmariñas. Meaco, 7 de xaneiro de 1594.
( 47  ).- Ibidem: Carta a Gómez Pérez Dasmariñas. Meaco, 7 de xaneiro de 1594.
( 48 ).- Ibidem, l. c.
( 49 ).- BAUTISTA: Carta al Padre Ribadeneira, 17 de novembro de 1596.
( 50 ).- Ibidem, l. c.
( 51 ).- BAUTISTA: Carta a Frai Juan Pobre desde la cárcel, 23 de natal de 1596.
( 52 ).- BAUTISTA: Carta al general Matías de Landecho, Meaco, 30 de natal de 1596, AIA, VI,
          291 e XXI, 522.
( 53 ).- BAUTISTA: Carta al Padre Agustín Rodríguez, 18 de natal de 1596; AIA,VI,288  e
          XXI,531.
( 54 ).- GIRÓN, 551.
( 55 ).- MOREJÓN, en GIRÓN, 551.
( 56 ).- JERÓNIMO, Relación, 580; AIA, 526.
( 57 ).- RIBADENEIRA, lib. 5, c. 31, 517.
( 58 ).- JERÓNIMO: Relación copiada por o Pai Ribadeneira, lib. 5, c. 32, 519ss.
( 59 ).- BAUTISTA: Carta a los tres religiosos presos en Nagasaki, en Ribadeneira,
          lib.5,c.6,447.
( 60 ).- Ibidem: Carta a San Martín de la Ascensión, en Ribadeneira, lib. 5, c. 3, 438.
( 61 ).- JERÓNIMO: Relación en Ribadeneira, lib. 5, c. 32, 521.
( 62 ).- JERÓNIMO:Relación,en Ribadeneira,lib.5,c.32,521; AIA,XV,(1921),186-187 e XXI,528-529.En            
            confirmación do dito por o Pai Xeromo escribe o santo comisario na carta do 14 de xaneiro de 1596 ó             Provincial de Filipinas:"Antes que chegase o Irmau Frai Xeromo, que fora a Meaco  cando estabamos
presos aviseino que se ocultase pra gran consolo dos cristiáns que quedaban, aínda que él prefería
xuntarse conosco pra padecer tamén. Díxenlle que si fose mester mudase o hábito pra acudir mellor ás
necesidades dos cristiáns que ben o merecen”(AIA,VI,303-304 e XXI, 529).
( 63 ).- BAUTISTA: Carta al Provincial de Filipinas, 14 de xaneiro de 1596, AIA, VI, 503 e XXI, 543. Deixou o santo constancia nesta carta do prezo do presente que lle fixo ó gobernador Guenifuin: “Aconsellándome con Cristobo de Mercado fixemos un presente de prestado que tomamos dun xaponés a quen é necesario satisfacer porque é pobre e deuno por rogarllo eu. Por eso, pido que se satisfaga esta facenda a este xaponés que se chama Cosme Xobasi, ou a súa muller María ou a súa filla Isabel. Entrégueselle, este diñeiro ó home que él envíe ou os Pais da Compañía que están en Meaco que o entreguen ó dito Cosme... O presente citado antes, que se fixo de centro catro taes foi pra darlle a unha persoa moi grave[Guenofuin] que fixo de intercesor a prol da nao “San Felipe”, que xa o rei tiña enviado un governador seu a tomala. Este presente procurei dar coa presunta do xeneral e de todos os do navío e con consentimento e persuasión de Cristobo de Mercado que dixo cobraría este diñeiro dos do navío; e por facer todas as  posibles dilixencias pra que a facenda non fora tomada, presentouse un traslado  da chapa de seguridade que dera o rei, aínda que todo esto non aproveitou nada.Por amor de Deus pido se satisfaga a Cosme Xobasi que dixen arriba”.
( 64 ).- GIRÓN, 543.
( 65 ).- RIBADENEIRA, lib. 5, c. 11, 353.
( 66 ).- Ibidem, lib. 5, c. 26, 501.
( 67 ).- GIRÓN, 544 – 545.
( 68 ).- RIBADENEIRA, lib. 5, c. 25, 502.
( 69 ).- GIRÓN, 524 – 525.
( 70 ).- GIRÓN, 530.
( 71 ).- JERÓNIMO: Relación, en Ribadeneira, lib. 5, c. 32, 520.
( 72 ).- RIBADENEIRA, lib. 5, c. 32, 520.
( 73 ).- Ibidem, lib. 5, c. 31, 516.
( 74 ).-Ibidem:Carta San Martín de la Ascensión.Copiou esta carta o Pai Ribadeneira,lib.5,c.2,432-433.
( 75 ).- Ibidem. Copiou esta carta o Pai Ribadeneira, lib. 5, c. 3, 438.
( 76 ).- RIBADENEIRA, lib. 5,  c. 3, 438.
( 77 ).- Ibidem, lib. 5, c. 12, 462 – 463.
( 78 ).- Ibidem, lib. 5, c. 5, 444.
( 79 ).- Ibidem, lib. 4, c. 8, 345.




No hay comentarios:

Publicar un comentario